Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Este ano contarán coa presenza de campesiños das zonas onde se producen os artigos de Comercio Xusto para que transmitan as súas experiencias persoais
Intermón Oxfam e EROSKI asinan un convenio de colaboración para participar por quinto ano consecutivo na Campaña de Comercio Xusto, co obxectivo de dar a coñecer aos clientes os aspectos que o definen, así como os produtos que elaboran e as súas condicións de compra e comercialización.
As dúas entidades son pioneiras na implantación do Comercio Xusto no noso país, xa que desde 2002, en todos os Hipermercados EROSKI se poden adquirir estes produtos durante todo o ano. Non obstante, moitos consumidores descoñecen que é o Comercio Xusto, e para salvar esta eiva, EROSKI desenvolve unha campaña conxunta con Intermón Oxfam que ten lugar durante a segunda quincena do mes de marzo e o mes de abril.
Os datos de volume de ventas do Comercio Xusto nos establecementos Eroski sufriron unha importante evolución, xa que no último ano creceron un 69,98 %, pasando de 101.779 euros a 173.000 euros. Igualmente, o número de compradores incrementouse considerablemente pasando de 56.980 consumidores a 87.544, o que supón un aumento do 53,64 %.
En España, durante os últimos anos, esta tendencia tamén se ve reflectida nos datos. Así, en só cinco anos incrementáronse as ventas nun 60,84% e evolucionaron desde os 1.972.702 euros recadados en 1999 ata os 3.172.813 euros cos que se pechou 2003. No último ano, o aumento das ventas foi do 34,42%, xa que en 2002 se recadaron 2.360.337 euros. Deste xeito, España ocupa o oitavo posto mundial en importación de produtos de Comercio Xusto. Por produtos, o tanto por cento de ventas distribúese entre alimentación (56%), artesanía (40%) e libros e outros (4%). Dentro da alimentación, os produtos estrela son o café e o cacao.
Na presente edición preténdese alcanzar a máis de 200.000 clientes, igualando así ao número de participantes das edicións pasadas. Para isto, poñeranse en marcha numerosas accións. Entre elas destaca a celebración de Escolas Idea Sa, charlas dunha hora de duración nas que os clientes recibirán información máis personalizada. Ademais, colocaranse postos informativos con mostras de produto en cada un dos hipermercados EROSKI.
Ademais distribuiranse máis de 300.000 folletos informativos, en cuxas páxinas os clientes poderán encontrar unha información completa sobre as características e produtos de Comercio Xusto. Todo isto aparecerá recollido na revista Idea Sa que xa alcanza os 500.000 exemplares de tirada e na web www.ideasana.com
Como recoñecemento a este labor, o estudo de investigación "Talk the walk" do UNEP (Programa Medioambiental de Nacións Unidas) e do Pacto Mundial, premia a campaña de Comercio Xusto de EROSKI como exemplo de mellor campaña de información, que ten como obxectivo o promover costumes de vida sostibles entre os consumidores. Esta investigación, que analiza o comportamento do consumidor ante as estratexias de márketing e a comunicación sobre consumo responsable e sostido das empresas do sector de distribución, téxtil, automoción, cosmética, etc., resalta a importancia da campaña de Comercio Xusto, posta en marcha por EROSKI desde 2001, polo resultado que conseguiu na promoción de costumes de vida sostibles.
Os produtos de Comercio Xusto que estarán a disposición do cliente nos centros EROSKI son:
o Crema de cacao EQUITA 400 gr
o Cacao instantáneo EQUITA 375 grs.
o Café moído natural EQUITA 250 grs.
o Chocolate en po á cunca AFRICAO 250 grs.
o Chocolate con leite bio MASCAO100 grs.
o Chocolate PURO bio MASCAO100 grs.
o Té negro biolóxico en cesta palma.
O Comercio Xusto é unha aproximación alternativa ao comercio internacional convencional. É unha relación comercial de partenariado que persegue o desenvolvemento sostible de produtores desavantaxados e excluídos do mercado. As liñas características que definen aos seus produtos son a garantía dun salario digno e dunha igualdade de xénero para os seus produtores, ademais da calidade e naturalidade dos seus compoñentes e o respecto co medio ambiente na súa elaboración.
A organización Intermón Oxfam considera o Comercio Xusto como unha ferramenta máis de cooperación que se insire claramente nunha das liñas prioritarias do labor da organización: a busca de alternativas económicas sostibles para as poboacións máis empobrecidas e vulnerables. Así mesmo, é un instrumento de sensibilización das causas estruturais da pobreza. Este tipo de campañas informativas permiten aos consumidores coñecer as alternativas e tomar partido, cambiar costumes de consumo e esixir o respecto aos dereitos sociais económicos básicos de todas as persoas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI