A deterioración dos dentes de leite e o consecuente desenvolvemento de carie podería estar relacionado coa obesidade, segundo un traballo desenvolvido por investigadores da Universidade de Buffalo, en Estados Unidos. Tras analizar diferentes marcadores, como o peso ou a altura, os investigadores comprobaron que case o 28% dos menores estudados tiñan un índice de masa corporal (IMC) superior ao percentil 85, que indica sobrepeso ou obesidade.
No estudo participaron 65 nenos de dous a cinco anos a quen se interveu de caries. Os científicos someteron ademais aos seus pais a diversas enquisas para coñecer os hábitos alimentarios dos pequenos e concluíron que a porcentaxe de menores con caries foi un 5% maior entre quen non seguían unha dieta adecuada e rexistraban un elevado consumo de bebidas azucaradas. Ao redor do 71% dos nenos superaba as 1.200 calorías recomendadas por día para este grupo de idade.
“O fundamental destes achados é que unha mala nutrición pode relacionar a carie coa obesidade”, recoñeceu Kathleen Bethin, autora do estudo e que mantén que o dentista é o “lugar ideal para educar ás familias sobre a nutrición e os riscos da obesidade e a carie”. Estímase que entre o 5% e o 10% dos menores de dous a cinco anos teñen caries. De forma paralela, a obesidade infantil tamén creceu nos últimos 30 anos, ata triplicar as cifras de prevalencia e alcanzar ao 20% da poboación infantil.
O estudo non achou diferenzas no total de calorías consumidas polos nenos con sobrepeso e peso saudable, polo que “o problema non é comer en exceso, senón seleccionar o alimento adecuado”, sinalou Bethin. Xunto co seu equipo, analiza agora se os nenos con sobrepeso comen máis azucre procesado e ten outros hábitos non saudables de alimentación en comparación cos nenos de peso adecuado.