Varios traballos de investigadores gregos revelan que os fillos de mulleres que se alimentan seguindo unha dieta rica en froitas e vexetais durante o embarazo son moito menos propensos a desenvolver asma ou alerxias no futuro.
Os investigadores basearon os seus achados no seguimento de 468 mulleres embarazadas e os seus fillos durante seis anos e medio despois do parto, utilizando cuestionarios sobre alimentación.
Tras este tempo concluíron que comer vexetais máis de oito veces á semana, peixe máis de tres veces semanais e legumes en máis dunha ocasión á semana, mellora a protección contra as citadas enfermidades.
Os fillos de nais que consumiran unha dieta mediterránea eran un 80% menos propensos a ter sibilancias persistentes, o síntoma máis común da asma infantil. Así mesmo, eran un 45% menos proclives a desenvolver alerxias.
Os resultados evidencian os beneficios para a saúde da dieta mediterránea e destacan o poder dos vexetais, o peixe e os ácidos grasos monoinsaturados, como o aceite de oliva e de colza, sobre a carne vermella. “Necesítanse máis investigacións para comprender mellor os mecanismos deste efecto protector,” sinalou o equipo de Leda Chatzi, da Universidade de Creta, na revista “Thorax”.
Aínda que se requiren máis estudos para mostrar exactamente como sucede, a combinación de alimentos saudables que conteñen unha serie de antioxidantes e nutrientes coñecidos marcaría a diferenza, engadiron os autores.