A produción de materias primas agroalimentarias ecolóxicas en España creceu un 520% entre o ano 2000 e o 2009, mentres que o seu valor en orixe pasou dos 100 millóns de euros estimados en 2000 a 650 millóns de euros en 2009, cun 75% de procedencia vexetal e un 25% de procedencia animal. Os datos aparecen recollidos nun estudo realizado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) sobre produción ecolóxica e que foi dado a coñecer pola directora xeral de Industria e Mercados Alimentarios, Isabel Bombal, na 14ª edición da Feira BioCórdoba 2010.
A superficie agrícola útil ecolóxica representa o 5,26% de toda a superficie nacional e os produtores ecolóxicos supoñen o 2,42% do total de explotacións agrarias españolas. No que respecta á estrutura industrial deste sector, en 2009 había rexistradas 3.038 empresas dedicadas á produción ecolóxica, que facturaron ao redor de 685 millóns de euros e deron emprego a uns 18.000 traballadores. Os sectores hortofrutícola, aceites, viños, cárnicos, panadaría-pastelería e conservas vexetais representaban o 61,4% da estrutura industrial e sumaron o 74,5% da facturación.
Ademais, Bombal destacou que a industria ecolóxica española, que conta co 7,5% da estrutura industrial comunitaria, ten unha importante propensión exportadora (o 50% da facturación industrial véndese a países terceiros), e conta cun alto grao de internacionalización (o 32% das industrias son exportadoras).
Segundo os datos expostos no informe, a valoración do mercado aparente de alimentos e bebidas ecolóxicos en España estímase próxima aos 905 millóns de euros, o que equivale ao 0,97% do gasto total en alimentación, cun gasto per cápita de 19,4 euros por habitante e ano, con maior presencia da produción vexetal.
As exportacións de produtos ecolóxicos alcanzaron os 454 millóns de euros, dos cales 356 millóns serían como produtos manipulados ou transformados, e 98 millóns como materias primas. Pola súa banda, as importacións valóranse nuns 190 millóns de euros, na súa maioría produtos transformados ou manipulados. Por sectores, as froitas e hortalizas, o aceite e o viño supoñen o 74% das exportacións, que nun 85% destínanse a Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia, Suíza, Holanda e Bélxica.
O estudo iniciouse en 2009 e desenvolveuse ao longo de 2010, centrado na análise e valoración da actividade das industrias agroalimentarias ecolóxicas españolas, “o que esixiu dispor dunha visión integral de toda a cadea de valor sectorial, incluídos a produción e o mercado”, destacou Bombal.