A Comisión Europea presentará mañá, mércores, o seu plan para endurecer as normas de etiquetaxe de alimentos e bebidas na Unión Europea (UE). A proposta é que estes produtos detallen na parte frontal do envase as calorías, o azucre, o sal e as graxas que conteñen.

A proposta da CE afecta, por unha banda, a regras xerais sobre a etiquetaxe de alimentos e por outro, á información acerca do seu contido nutricional. O borrador do plan sinala que a etiquetaxe pode empregarse “como un medio para reforzar a habilidade dos consumidores para elixir unha dieta equilibrada”. As bebidas alcohólicas non terían que indicar o seu contido en sal, azucre ou graxas, pero si as calorías.
O comisario de Sanidade, Markos Kyprianou, impulsor desta iniciativa, considera que os alimentos son “unha boa vía para informar o consumidor e facerlle consciente da repercusión que teñen na súa saúde as decisións ao comprar comida”.
Sen letra pequena
O obxectivo do proxecto que aprobará a CE e que deberán negociar os países da UE é modernizar, simplificar e aclarar as leis sobre etiquetaxe, para que a información sexa presentada dunha forma clara e uniforme ao consumidor. Bruxelas expón ademais que os compoñentes se expresen cuns tipos de letra dun tamaño mínimo determinado. Así mesmo, prevé estender aos alimentos que non están pre-envasados a obrigatoriedade de indicar se son alérgenos ou se conteñen ingredientes que poden provocar alerxias.
A CE pretende implantar “como e onde” se expresan na etiqueta dun produto o contido dun “número mínimo” e compoñentes nutricionais, importantes para o consumidor. Os países comunitarios que queiran engadir máis información na etiqueta sobre os ingredientes poderán facelo, así como incluír o índice de consumo diario recomendado.
Obesidade: problema de saúde
O pasado ano, o responsable comunitario describiu a obesidade como “o maior problema de saúde ao que debe facer fronte a Unión Europea” e dixo que as etiquetas dos alimentos eran “unha boa vía para informar o consumidor e facerlle consciente da repercusión que teñen na súa saúde as decisións ao comprar comida”.
O plan concibe a etiquetaxe “como un medio para reforzar a habilidade dos consumidores para elixir unha dieta equilibrada”
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), na UE o número de nenos obesos ou con problemas de sobrepeso pasou de 14 millóns en 2005 a 22 millóns en 2007. A OMS asegura que os problemas de obesidade triplicáronse desde 1980 na maioría dos países europeos.
Para que o plan de Kyprianou salga adiante, deberá buscar a forma de superar as presións das empresas do sector, sobre todo dos fabricantes de alcol.
Aínda que a lexislación sobre etiquetas alimentarias afecta tanto a alimentos como bebidas, os servizos da CE están a discutir nestes momentos se os cambios que ultima Bruxelas na parte referente á información nutricional deben afectar ou non ao viño e á cervexa.
España e nove países máis solicitaron excluír ao viño da revisión da normativa comunitaria sobre a etiquetaxe de alimentos, por considerar que se trata dun produto que non se fai cunha soa receita e ademais na UE xa está sometido a un exceso de regulacións.