Air France obtivo o certificado ISO 22000, converténdose na primeira aerolínea no mundo que consegue este recoñecemento á seguridade dos produtos alimentarios ofrecidos a bordo. Segundo a directora de Loxística de Air France, Marie-Anne Balle Calix, esta certificación testemuña a seguridade do control da cadea de alimentos e o respecto ás obrigacións regulamentarias.
A aerolínea gala realizou en xuño os trámites necesarios para a obtención da norma ISO 22000. A compañía dispón dun sistema de análise e prevención dos riscos conforme ás esixencias da norma europea.
Ademais, Air France instaurou unha política de auditorias de hixiene das empresas provedoras de alimentos, unha formación específica para o persoal en voos comerciais, o control bacteriológico na recepción dos alimentos, a instalación dunha serie de instrumentos a bordo dos seus avións para o control da cadea de frío e os procedementos estritos de abastecemento de auga potable. Tamén reforzou as esixencias para os seus provedores.
Inicialmente, a certificación ISO 22000 implantouse nos voos desde París, abastecidos pola empresa de catering Servair e explotados con frota de Air France.