Os pais que seguen unha dieta alta en graxas poderían favorecer un aumento do risco das súas fillas de padecer diabetes tipo 2, segundo suxire un estudo da Universidade de Nova Gales do Sur, en Sidney (Australia). Tras analizar este comportamento en roedores, os investigadores comprobaron que as ratas macho cuxa dieta era alta en graxas, procreaban descendentes con células beta produtoras de insulina anormais.
Os autores do traballo, que se publica na revista “Nature” e estivo dirixido por Margaret Morris, do Departamento de Farmacoloxía da citada universidade, cren que estes descubrimentos indican que os factores non xenéticos que afectan o pai poderían influír sobre o desenvolvemento da diabetes tipo 2 na descendencia.
As ratas macho alimentadas cunha dieta alta en graxas desenvolven obesidade e intolerancia á glicosa. Cando se emparellan con femias que non levan este tipo de dieta, os pais procrean descendentes femininas con defectos na tolerancia á glicosa e na secreción de insulina. Sábese que os pais con obesidade ou diabetes son máis propensos a ter fillos que desenvolven as mesmas condicións, pero non se coñece ben a contribución do ambiente neste sentido.
Este é o primeiro estudo nunha especie que mostra que a exposición paterna a unha dieta alta en graxas inicia a progresión da diabetes na descendencia. Aínda non se probou que ocorre se a descendencia masculina vese igualmente afectada pola enfermidade.