A Comisión Europea propuxo onte rebaixar a prohibición da columna vertebral ou espinazo do vacún, óso do que procede o chuletón, para que se permita na carne de animais de ata 24 meses (agora prohíbese nos de máis de 12 meses). Bruxelas expuxo flexibilizar esa restrición nunha reunión do Comité Permanente da Cadea Alimentaria, segundo fontes comunitarias, que indicaron que podería haber unha decisión nese sentido no próximo mes de outubro.
Na actualidade é obrigatorio retirar da cadea alimentaria a columna vertebral ou o espinazo no caso dos animais de máis dun ano. A UE tomou esa medida en 2001 porque consideraba ese óso como material de risco na propagación do mal das “vacas tolas”.
A Comisión baséase nos ditames da Autoridade Europea para a Seguridade Alimentaria (EFSA, as súas siglas en inglés) favorables a rebaixar a restrición. A EFSA estima que é máis prudente elevar a 21 meses a idade do bovino para a separación da columna vertebral e opina que, se se aumenta ata os 30 meses, habería unha marxe de seguridade considerable, pero non absoluto.
O Executivo comunitario cre que establecer en 24 meses a idade a partir da que se retira o espinazo é “realista”, dá unhas considerables garantías de seguridade, e é máis práctico no que se refire ao sacrificio das reses e aos controis.