Pódense cocer xuntos os ovos e as patacas?
Os ovos con casca non deben cocerse xunto con outros alimentos. A pesar de que poida parecer unha boa idea para aforrar enerxía, supón un risco. A casca dos ovos pode ter sucidade visible ou microorganismos que pasan á auga de cocción e contaminan o resto de alimentos.
Outra práctica incorrecta é lavar os ovos antes de metelos no frigorífico. Ao contrario do que pode parecer, non reduce o risco de contaminación, senón que o incrementa.
A explicación está na anatomía do ovo. A casca é porosa, pero está recuberta dunha fina membrana chamada cutícula, que illa o interior do ovo e protéxeo. Ao lavalo elimínase esa membrana, de maneira que os microorganismos da parte exterior xa non teñen barreiras para penetrar a casca e alcanzar a parte comestible.
Podemos mellorar a hixiene se os lavamos inmediatamente antes de cociñalos, xa que se van a cascar e non vai haber tempo de que os patóxenos contacten co interior.
Unha dieta sen carne implica un déficit de nutrientes?
Non hai ningún nutriente que se atope exclusivamente na carne, polo que podemos cubrir os nosos requirimentos a partir doutros produtos. No caso de eliminar totalmente os alimentos de orixe animal ou de seguir unha dieta ovolactovegetariana, si que é necesario suplementarse con vitamina B12.
Como se decide a data de duración dos alimentos?
Fóra dos ovos, nos que a data de consumo preferente está fixada legalmente en 28 días tras a posta, no resto de alimentos é o fabricante o que a establece. Isto é así porque a duración depende das materias primas, a composición, o tratamento, as condicións de envasado e outras variables.
O prazo pódese establecer a partir dos datos de alimentos similares ou a través de estudos de vida útil nos que se ve como se deteriora o alimento. Si son perecedoiros, estes estudos son en tempo real. Cando son de longa duración, non é viable esperar a que se estrague, así que se deseñan estudos acelerados con condicións extremas.
Véndense plátanos con curvaturas estrañas?
Os plátanos e bananas que vemos no mercado adoitan ter todos a mesma forma: unha lixeira curvatura. No entanto, si que poden comercializarse aqueles con defectos de forma que non afecten á pulpa. Iso si, considéranse de menor calidade e clasifícanse como “Categoría II” (algo que pode verse na etiqueta).
Como elixir unha crema de verduras saudable?
No mercado atopamos unha gran variedade de purés e cremas de verduras xa preparadas, pero a súa calidade nutricional é moi variable. Para escoller a mellor opción, debemos seguir uns sinxelos pasos.

- Empezaremos por elixir o tipo de crema: fresca ou esterilizada. Isto non afecto ao seu valor nutricional, pero nos axudará a organizar a despensa. A primeira está pasteurizada, polo que está na zona de refrigerados e a súa duración é máis curta. A segunda pode manterse meses a temperatura ambiente.
- A continuación, fixarémonos na lista de ingredientes. As verduras deben ser as máis abundantes e aparecer as primeiras da lista. Sobre o tipo de graxa, hai que priorizar as que leven aceite de oliva virxe sobre outras con nata. Pode levar tamén auga, especias e sal. Se vemos ingredientes que non usariamos en casa, como almidones ou azucres, é mellor elixir outra. Debe ter menos de 0,8 g de sal por 100 ml.
A cocción a baixa temperatura é segura?
Depende. Algúns microorganismos poden desenvolverse a temperaturas bastante altas, polo que hai un límite inferior claro: a temperatura na que crece o Clostridium perfringens, o máis resistente (52,3 ºC). No entanto, é preferible subir esa temperatura para evitar riscos. Considérase que a cocción a partir de 60 ºC durante un tempo prolongado é segura.
Son iguais todas as dietas vegetarianas?
É un erro pensar que todas as dietas vegetarianas, só por non incluír alimentos de orixe animal, son as mellores para a saúde das persoas e do planeta. Este tipo de alimentación tamén pode incorporar alimentos cun perfil nutricional indesexable, como bollería, refrescos e alimentos altamente procesados, que, ademais, supoñen un alto impacto medioambiental.
Isto é o que destaca unha investigación da Escola de Saúde Pública de Harvard (EE. UU.), que, ademais, atopou que as dietas vegetarianas saudables son tamén as máis sostibles. O estudo analizou a alimentación de máis de 65.000 persoas e concluíu que as dietas baseadas en plantas nas que teñen protagonismo os cereais requintados, os refrescos, as patacas, os doces, as sobremesas e os zumes supuñan un maior risco cardiovascular.
O traballo tamén sinala que estes produtos requiren máis terras de cultivo e fertilizantes que as protagonizadas por verduras, froitas, grans enteiros, froitos secos, legumes, aceites vexetais, té e café. A razón é que se necesitan grandes extensións e abonos para cultivar as súas materias primas, como a cana de azucre, a remolacha ou os cereais xeralmente en réxime de monocultivo. No entanto, o estudo confirma que o maior impacto medioambiental deriva da produción de carne vermella e procesada.