As marmeladas e as confeituras están elaboradas principalmente a base de froitas e azucre, pero non son o mesmo. As diferenzas existentes entre elas non se deben á cantidade de froita, senón á forma na que esta se atopa inicialmente (nas confeituras utilízase pulpa ou puré de froita), ao proceso de elaboración e, sobre todo, á cantidade de azucre, maior nas confeituras que nas marmeladas. Por todo iso, estas últimas son máis apreciadas. Pero como elixir a mellor cando hai tantas opcións? Analizámolo na nosa Guía de Compra deste mes. Aquí tes os resultados.
Consellos para a compra
- Marmelada ou confeitura? A principal diferenza entre elas reside no contido de azucre, maior na confeitura (ao redor dun 60 %) que na marmelada (preto do 45 %). Ademais, esta última elabórase con froita, mentres que a primeira faise a partir de pulpa ou puré de froita. Por eses motivos é máis apreciada a marmelada que a confeitura.
- Categoría extra ou normal? A extra ten máis cantidade de froita. Fíxache ben na súa porcentaxe: canto máis, mellor.
- Con conservantes ou sen eles? A presenza de conservantes como sorbato potásico non é prexudicial para a saúde e evita o desenvolvemento de mohos unha vez aberto o produto. Despois dese momento, estes produtos deben conservarse no frigorífico.
A categoría destes produtos vén determinada pola cantidade de froitas. De entre todos os produtos analizados na nosa Guía de Compra, o máis recomendable é a marmelada extra Helios, debido a que é a que ten un maior contido de froita (65 %), unha das que menos azucres leva (40 %) e o seu prezo atópase entre os máis baixos (0,42 euros/100 g).
A mellor relación calidade-prezo corresponde á marmelada extra Eroski Basic, cunha cantidade de froita entre as máis altas (57 %), unha cantidade de azucre entre as máis baixas (42 %) e un prezo moito máis baixo que o resto (0,25 euros/100 g). O produto menos recomendable de entre os analizados é Bonne Maman, debido ao seu menor contido de froita (50 %), a súa alta proporción de azucres (59 %) e o seu prezo, que é un dos máis altos, 0,62 euros/100 g.