A inxesta dunha ración de froitos secos ao día mellora a saúde cardiovascular e reduce o risco metabólico de diabetes , tal como demostraron desde a Unidade de Nutrición Humana da Facultade de Medicina e Ciencias da Saúde da Universidade Rovira i Virgili (URV) en Reus (Tarragona). Ata este momento non se realizou ningún estudo para saber se os froitos secos poderían mellorar a resistencia á insulina, un estadio previo á aparición de diabetes.
Os investigadores da URV comezaron a estudar o problema cun grupo de voluntarios non diabéticos con síndrome metabólico, é dicir, con alteracións metabólicas que condicionan un maior risco de diabetes ou enfermidades vasculares. A investigación, coñecida baixo o nome de Efinut, consistiu en recomendarlles durante 12 semanas unha dieta baixa en graxa e saudable desde o punto de vista de prevención cardiovascular. A metade dos voluntarios, ademais, recibiron 30 g ao día dunha mestura de froitos secos.
Os primeiros resultados constataron que aqueles pacientes que incorporaron á súa dieta os froitos secos melloraron diferentes parámetros relacionados co risco de desenvolver algunha enfermidade cardiovascular e reduciron de forma significativa a súa resistencia á insulina. Isto suxire que consumir froitos secos podería reducir o risco de desenvolver algunha destas enfermidades, aseguraron os científicos, que publicaron os resultados na prestixiosa revista “Nutrition, Metabolism and Cardiovascular Disease”.