Imagen: elenaAs persoas que levan unha alimentación ovolactovegetariana inclúen na súa dieta lácteos e ovos ademais de vexetais. Con todo, hai casos en que non é así: os vexetarianos estritos ou veganos, que só consomen alimentos de orixe vexetal, ou aqueles con alerxia ao ovo. Nestas situacións, as tortillas convencionais non forman parte da dieta. No entanto, combinando distintos alimentos pódese conseguir un prato moi parecido na forma ás típicas tortillas. Este truco culinario supón un bo modo de incluír este saboroso prato na alimentación, facendo que esta sexa máis rica e variada.
Como se elaboran?
Para preparar unha tortilla sen ovo han de seguirse os mesmos pasos que para preparar unha de convencional. A única diferenza é que o ovo se substitúe por unha mestura de fariña de garavanzo e auga. Se se desexa preparar unha tortilla de pataca desta maneira, mentres se frite a pataca, prepárase unha mestura, nun recipiente aparte, de fariña de garavanzo con auga ata conseguir unha textura similar á dun ovo batido. A continuación, engádese un pouco de sal e séguese batendo. Unha vez que as patacas estean fritidas non hai máis que retirar o aceite e engadir a mestura elaborada anteriormente.
Se se prefire elaborar unha tortilla francesa, o proceso é tan sinxelo como o habitual. É dicir, bótase un pouco de aceite á tixola e a continuación engádese a mestura que substitúe ao ovo, dándolle voltas de cando en vez para que non se queime e o seu interior quede ben feito. Para que a tortilla non rompa, convén deixala repousar uns instantes despois de sacala da tixola.
Estas orixinais tortillas pódense acompañar de alimentos moi variados como salsa de tomate, calabacín, cebola, cenoria, pementos, así como calquera tipo de hortalizas e verduras fritas ou salteadas, ou un pouco de perexil, entre outros. Deste xeito, ademais de dar ás tortillas un agradable toque de cor, conséguese que queden máis zumentas. Tamén é posible elaborar este tipo de tortillas con fariñas diferentes á de garavanzo, como fariña de trigo, millo ou arroz, aínda que os resultados que se obteñen con estas fariñas non adoitan ser tan satisfactorios.