O 54,7% dos consumidores españois considera que o pomelo é unha froita exótica e un 54,2% asóciaa con dietas de adelgazamento. Así se desprende dun estudo sobre o consumo de pomelo realizado polo Observatorio do Consumo e a Distribución Alimentaria do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM).
O informe constata que o consumo desta froita está moi pouco estendido en España, xa que só un 16,4% a proba con certa frecuencia, mentres que un 83,6% dos entrevistados non a consome, aínda que entre estes últimos un 39,2% probouna nalgunha ocasión pero non lles gustou.
Entre os consumidores de pomelo, o 49,4% tómao pola mañá no almorzo, fronte a un 20,7% que o fai a media mañá e un 14% que só o fai esporadicamente. Entre quen o consomen, a maioría, o 67,7%, manifestan que o toman só sen ningún outro alimento.
Respecto ao consumo desta froita nos establecementos de restauración, as cifras diminúen a un 2% entre o total de cidadáns entrevistados e a un 11% entre os consumidores deste cítrico.
Doutra banda, un 65,5% dos entrevistados para a enquisa manifestaron descoñecer os países produtores do pomelo e un 23,6% citaron a España como país produto. O informe tamén reflicte que os consumidores atopan sen dificultade este produto nos seus establecementos habituais de compra.