Tres persoas permanecen ingresadas en Vigo por unha infección leve de botulismo. O contaxio produciuse polo consumo dunha peza de chacina, envasada pola empresa Carreira S.L. de León, entre o 30 de agosto e o 2 de setembro. A Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESA) difundiu onte unha alerta a todas as comunidades para localizar un segundo lote deste produto que puido distribuírse en localidades de Castela e León e de Galicia.
As informacións con que contan a AESA e as comunidades de Castela e León e Galicia parecen indicar que se trataría dunha intoxicación moi localizada, procedente dun número moi escaso de unidades ou, mesmo, dunha única peza. Este feito non evita a necesidade de localizar urxentemente todas as unidades de chacina do segundo lote.
Fontes do Ministerio de Sanidade aseguraron que a empresa está a colaborar na retirada dos dous lotes sospeitosos, aínda que uno xa foi sacado do mercado completamente.
O botulismo é unha enfermidade que provoca parálise muscular, por medio da toxina “Clostridium botulinum”, e que pode levar á morte por parada respiratoria. Trátase dunha patoloxía con escasa incidencia en España. Entre 2002 e 2003 detectáronse 12 casos.
Evolución favorable
O tres enfermos evolucionan de forma favorable, segundo informou o director de Saúde Pública da Xunta de Galicia, Ramón Medina, quen cre “pouco probable” a aparición de novos afectados que, en calquera caso, terían carácter “leve” porque o período de incubación sería “moi longo”.
O brote de botulismo detectouse nunha muller de Vigo que comezou a ter dificultades na vista e vía dobre. “Diagnosticóuselle a probabilidade de botulismo e foi de presunción”, aclarou Medina.
Posteriormente realizouse unha enquisa epidemiolóxica na que se descubriu a chacina como “posible responsable”. Tras as análises pertinentes, Saúde Pública concluíu que era botulismo causado por unha peza contaminada envasada e comercializada pola empresa leonesa Carreira S.L.
O lote completo ao que pertence a peza afectada foi retirado do mercado, con todo Medina pediu aos que teñan na neveira chacina desta empresa comprada nas dúas últimas semanas de agosto que non a consuman e tírena ao lixo.