A detección de pementos con restos de pesticida ilegal procedentes de Almería en varios países europeos ha levado á Xunta de Andalucía a crear un gabinete de crise para facer un seguimento do problema, segundo informou o conselleiro de Agricultura, Isaías Pérez Saldaña. O gabinete encargarase ademais de coordinar o control das estradas para evitar que produtos sen analizar poidan chegar a comercializarse.
Pérez Saldaña destacou que, por mor da aparición de restos do pesticida non autorizado “isofenfus-metilo” en partidas de pemento almeriense en Reino Unido, Alemaña, Holanda e Finlandia, Presidencia actúa de forma coordinada coas consellerías de Saúde e Agricultura. Tras o anuncio o pasado mércores da suspensión cautelar de comercialización de pemento nunha do oito empresas que se están investigando, o conselleiro non descartou novos peches. Así mesmo, apuntou que a Xunta contempla a retirada de dous certificados de calidade certificada e incidiu na eficacia dos sistemas de rastrexabilidade para achar o produto contaminado coa sustancia.
O conselleiro sinalou que xa está dispoñible o patrón para a detección do “isofenfus-metilo” e asegurou que o Plan de Sanidade Vexetal da Xunta “multiplicouse por dez en Almería”. A citada fonte tamén informou dunha intensificación dos controis na rede de estradas “para evitar que poida saír pemento sen analizar desde algún invernadoiro a Málaga, Granada ou Murcia”.