En 2012, segundo datos do INE, o gasto en alimentos e bebidas non alcohólicas supuxo o 14,71% do total que realizaron os fogares españois. Aínda que os prezos soben e os soldos baixan, non se pode nin se debe renunciar á comida sa e variada, pero si hai que tentar non gastar máis do necesario. Un modo de logralo é facer unha lista da compra eficaz, que evite adquirir artigos que logo non se consuman. A continuación, sinálase como non é igual confeccionar a fume de carozo unha lista, que tomarse un tempo para pensar e analizar que debe conter. Por iso, indícase como elaborala para, con orde e organización, conseguir o ansiado aforro.
A importancia de facer unha lista da compra
Abrir o frigorífico, mirar o que hai e o que falta e apuntar. Ir á despensa e facer a mesma operación. E repetila de novo, ao abrir e pechar o conxelador, e tras unha ollada por baños, lavadoiro e cociña. Xa está a lista da compra confeccionada e pódese baixar ao supermercado. Mal feito. Aínda que é o habitual, encher os ocos baleiros polo mesmo non é nin a mellor nin a máis barata das maneiras de elaborar unha lista da compra.
Facer un persoal onde aparezan os produtos por categorías, e se se necesitan ou están comprados, é sinxelo e moi útil
Hai que porse ao choio sen pasar por alto antes o obxectivo da compra en cuestión e as necesidades de cada un: non é igual ir a por dous produtos, que achegarse ao supermercado para facer a compra semanal ou mensual. Se non se planifica e vaise con présas, é moi fácil esquecer algúns produtos que logo son imprescindibles para cociñar. E, entón, haberá que volver ao establecemento comercial, coa perda de tempo e diñeiro que supón.
Por iso, entre as claves para facer unha lista completa e que propicie o aforro, está a previa elaboración dos menús que se prepararán ao longo de semana. Deben ser variados, sans e non repetitivos (ademais, se hai nenos que comen no colexio, ou se come fóra de casa, teñen que estar planificados de tal modo que as ceas e os xantares non sexan os mesmos).
Ademais, as listas cumpren unha dobre función: que non se esqueza adquirir nada (en especial o máis relevante) e que non se compren produtos e artigos que xa se teñen.
Facer unha lista perfecta en catro pasos
Modos de facer unha lista da compra hai tantos como persoas, e a cada un pode resultarlle útil o seu. Pero coa seguinte proposta, simple e fácil de aplicar, conseguirase aforrar e non se malgastará comida. Os pasos para elaborar a lista segundo este modelo son moi sinxelos:
Realizar un orzamento:
Non pode facerse unha boa lista da compra sen ter en conta antes un orzamento (semanal ou mensual) aproximado. Tamén se debe ter claro que hai que axustarse a el, salvo en ocasións especiais.
Facer un persoal:
Non fai falta que sexa moi elaborada, aínda que pode ser todo o detallada que se desexe. Abonda con que teña celdillas onde se poidan enumerar os produtos en vertical (as súas categorías, mellor) e en horizontal un NECESITO (ou FAI FALTA, ou COMPRAR…) e un COMPRADO (ou TEÑO…). Cando se necesite, imprímese e pódese ir ao supermercado sen esquecer nada. Despois, non hai máis que tela na cociña, nun lugar visible, e ir apuntando o alimento que se acabou, ou os que se precisarán para o menú que se previu.
Planear os menús semanais:
É un paso esencial para aforrar diñeiro e evitar tirar moita comida. Ás veces adquírense produtos que xamais se proban, ou que caducan por esquecemento… Aínda que na vida actual imponse as présas, hai que dedicar un momento a pensar e decidir as diferentes comidas dos seguintes días. En función dos ingredientes que sexan precisos, elaborarase a lista da compra.
Escribir os produtos necesarios, por categorías:
Resulta máis cómodo e igual de útil que escribir todos os alimentos e artigos. É dicir, poríase almorzos, carne, peixe, verdura, sobremesas, bebidas, hixiene, fogar… Unha vez no súper, tendo en conta o ingrediente concreto para unha receita, os distintos prezos, as datas de caducidade ou as ofertas… xa se elixe o que se queira.