As lecturas reais dos contadores de luz deberán realizarse por parte das distribuidoras eléctricas con periodicidade bimestral e só poderán facerse cada seis meses se hai un consentimento expreso do cliente. Afírmao o Ministerio de Industria nunha resolución que aclara a actividade de lectura e facturación de electricidade nos fogares.
A resolución, publicada este luns no Boletín Oficial do Estado (BOE), contempla de forma expresa a lectura do contador unha vez cada dous meses, aínda que puntualiza que esta práctica se realizará “de forma xeral”. As facturas eléctricas emítense de forma mensual, segundo a normativa aprobada a finais de 2008, mentres que a lectura é bimestral, de modo que as compañías eléctricas deben realizar estimacións de consumo para calcular o importe do recibo mes a mes.
Industria propón nesta resolución unha nova metodoloxía para evitar estimacións de consumo desproporcionadas nos casos nos que se toma como referencia o gasto do mesmo mes do ano anterior e nos que, ademais, durante ese mes non se produciu demanda por parte do usuario. Con este desenvolvemento normativo, o Goberno asume as recomendacións realizadas a finais de xaneiro pola Comisión Nacional da Enerxía (CNE) sobre consumo eléctrico, nas que se incluía a necesidade de aclarar que as lecturas reais dos contadores da luz deben realizarse de forma bimestral.
A comezos de 2009, a emisión mensual de facturas, así como as estimacións de consumo realizadas polas eléctricas, xerou controversia e varias denuncias dos consumidores, que percibiron cálculos de consumo por parte das eléctricas superiores ao habitual. Aquela situación deu orixe a un expediente informativo por parte do CNE e mesmo a unha resolución do Congreso. En maio daquel ano, Industria publicou un primeiro método homoxéneo para o cálculo da factura mensual da luz e a realización das estimacións de consumo.