Algunhas entidades bancarias de Baleares levan a cabo prácticas comerciais “enganosas e abusivas” relacionadas con contratos ou produtos financeiros dirixidos aos anciáns e os residentes estranxeiros, segundo denuncia a Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios (Ausbanc).
En concreto, Ausbanc detectou a existencia destas prácticas en casos de investimentos en produtos financeiros inadecuados para a terceira idade, na contratación de préstamos nos domicilios destinados á adquisición de produtos que xamais se reciben ou non funcionan, ou no cobro de intereses e comisións moi superiores ás que se perciben habitualmente.
“Isto só pode responder á vontade dalgunhas persoas ou entidades de enriquecerse á conta da confianza nelas depositadas”, asegura o delegado desta asociación en Baleares, Carlos Hernández.
Para advertir destas prácticas, Ausbanc puxo en marcha campañas dirixidas a estes dous colectivos coa colaboración da Consellería de Traballo e Formación das Illas.
Por unha banda, o proxecto “Tebase” ofrece información e asesoramento en materia de banca e seguros ás persoas da terceira idade, mentres que “Ebase” está dirixido aos estranxeiros comunitarios, extracomunitarios ou turistas.
Ambos os proxectos realízanse a través dun ciclo de conferencias nas residencias, asociacións de anciáns e de estranxeiros, e a elas poden acudir todas aquelas persoas que teñan interese en coñecer información sobre esta materia.