A Comisión Europea recibiu hoxe dos ministros europeos de Industria o mandato para acordar con Estados Unidos, Xapón, India, Corea do Sur, China e Rusia o establecemento da Organización Internacional da Fusión de Enerxía do ITER. Ademais de promover a cooperación mutua na súa xestión, esta medida persegue “demostrar a viabilidade científica e tecnolóxica da fusión de enerxía con fins pacíficos”.
Cunha duración estimada de 35 anos, o acordo que Bruxelas debe buscar con este seis países entrará en vigor cando todas as partes o ratificasen, o que ocorrerá cando empece a súa construción, segundo concluíron os ministros europeos.
Segundo o mandato dos ministros, o Executivo comunitario deberá pactar cos seus socios internacionais un acordo para “a aplicación conxunta do proxecto do ITER”, o que supón “fornecer e promover cooperación entre os seus membros”. As funcións desta organización inclúen a construción, operación e explotación dos instrumentos do ITER e a promoción do coñecemento público sobre a fusión de enerxía”, segundo as conclusións dos representantes europeos de Industria.