A Comisión Europea propuxo onte unha serie de medidas para mellorar a conciliación entre a vida familiar e profesional das mulleres e aumentar a taxa de emprego feminino. Entre elas destaca a de ampliar de 14 a 18 semanas a duración mínima en toda a UE da baixa por maternidade.
Así mesmo, o Executivo comunitario quere que, como regra xeral, as mulleres que estean de baixa por ser nais sigan recibindo o seu salario mensual completo. No entanto, esta disposición non será obrigatoria e os Estados membros poderán fixar determinados límites, sempre que o importe final non sexa inferior á prestación por enfermidade.
Segundo Bruxelas, a extensión da baixa por maternidade terá un impacto positivo sobre o estado de saúde das nais, xa que lles permitirá recuperarse máis tranquilamente do parto e establecer unha “relación sólida” co bebé. Ademais, opina que ao ser o fillo algo máis maior seralles máis fácil volver ao traballo e terán que recorrer menos aos permisos parentales.
En España, a duración actual da baixa por maternidade é de 16 semanas, mentres que noutros países, como Alemaña, é de 14. Un caso excepcional é o da República Checa, onde se chega ás 28 semanas.
Mulleres emprendedoras
A UE propuxo tamén unha iniciativa para mellorar a protección das mulleres que traballan como autónomas. O obxectivo é aumentar o número de mulleres que crean empresas en Europa e axudalas a que sigan en activo, independentemente das súas responsabilidades familiares.
Doutra banda, o Executivo comunitario publicará un informe sobre os servizos de gardaría nos Estados membros. No cume de Barcelona, os líderes europeos fixáronse como obxectivo de aquí a 2010 lograr que as gardarías cubran polo menos ao 90% dos nenos entre tres anos e a idade de escolarización obrigatoria e ao 33% dos menores de tres anos.