O pasado martes comezaron a circular os novos billetes de 10 euros correspondentes á serie Europa, que contan con novas e melloradas características de seguridade que dificultan aínda máis a súa falsificación. A pesar das continuas medidas para mellorar a seguridade, nunca estamos libres de que un billete falso caia nas nosas mans. Como evitalo? Como saber que é falso? Nesta reportaxe danse algunhas claves para tentar recoñecelos.
Billetes falsos
En maio de 2013, o Banco Central Europeo (BCE) puxo en circulación billetes renovados de 5 euros e, desde o pasado día 23, tamén o están os de 10 euros correspondentes á serie Europa. Estes novos billetes teñen medidas de seguridade que farán máis difícil a súa falsificación, aínda que, en realidade, os que son obxecto principal dos estafadores son os de 20 e 50 euros, que irán renovándose de maneira progresiva en anos vindeiros.
Reforzar a seguridade é unha medida necesaria, xa que en 2013 retiráronse da circulación 670.000 billetes de euros falsos, o que supuxo un incremento do 26% respecto dos 531.000 que se localizaron o ano anterior.
Tres pasos para recoñecer un billete falso
Á hora de recoñecer un billete falso -algo que non sempre é fácil- convén seguir tres pasos sinxelos, pero que algunhas persoas aínda non saben:
Tocar:
Os técnicos do BCE aseguran que un billete auténtico pódese recoñecer ao tacto pola súa textura, que é firme e resistente. Pero hai outros elementos que facilitan a identificación dun “bo”.
Os emitidos polo BCE teñen relevo na imaxe principal, nas letras e na cifra de maior tamaño. E na serie Europa, ademais, incorpóranse bandas de liñas curtas en relevo nos bordos esquerdo e dereito do anverso do billete.
Mirar:
Tamén se pode saber se un billete é auténtico se se mira a contraluz. No espazo en branco da parte esquerda deben aparecer as imaxes difusas dunha xanela e o valor do billete, e nos billetes de 5 euros e os novos de 10 euros tamén ten que distinguirse o retrato de Europa , o personaxe da mitoloxía grega que presta o seu nome ao noso continente. Respecto ao fío de seguridade, nel debe deixarse ver o valor do billete e a palabra “euro” ou o seu símbolo.
Virar:
Na parte de atrás, á dereita, hai unha especie de banda prateada. Se o billete é auténtico, debe aparecer o valor do billete, o nome ou o símbolo do euro e unha especie de holograma co retrato de Europa.
Outros elementos de seguridade son os seguintes:
- Microtexto: algunhas zonas do billete teñen unha serie de caracteres de tamaño reducido. Esta microimpresión pode lerse cunha lupa. Os caracteres non son borrosos, senón nítidos.
Baixo unha luz ultravioleta estándar, o papel non resplandece, é dicir, non emite luz e está escuro.
Aprécianse pequenas fibras embebidas no papel. Cada unha delas mostra tres colorees diferentes.
No anverso, as estrelas da bandeira da UE, os círculos pequenos e as estrelas grandes resplandecen en amarelo. Algunhas outras zonas tamén brillan en amarelo.
O novo billete -como o de 5 euros- ten no holograma e na marca de auga un retrato de Europa. Ademais, debe incluír un número esmeralda que cambia de cor ao inclinalo (do verde ao azul). A textura é firme e resistente. No anverso hai unha serie de liñas curtas en relevo nos bordos esquerdo e dereito. Ademais, ao mirar o billete a contraluz, pode verse o símbolo do euro no fío de seguridade.