Algunhas comunidades xa deron o pistoletazo de saída ás rebaixas de inverno, período no que crece de forma significativa a “publicidade enganosa”, segundo alertou a Federación de Consumidores en Acción (FACUA).
Esta organización denuncia que cada vez son máis os establecementos que recorren a este tipo de publicidade a pesar de estar prohibida pola lei. Utilízanse carteis co reclamo de rebaixa “do 50%” e a maioría das veces, segundo FACUA, “non se atopan eses prezos tan rebaixados, xa que non se le a letra pequena que nos indica que a máxima rebaixa é ‘ata’ o 50%. Isto pode inducir a erro aos consumidores. Esta porcentaxe só se aplica a un diminuto grupo de artigos”.
Danse tamén casos de comercios que nos días previos ás rebaixas soben os prezos de moitos dos seus produtos para devolvelos ao seu importe orixinal o día do inicio da campaña.
Esta publicidade tamén mostra, en moitas ocasións, artigos “a prezos moi rebaixados que logo non se atopan nas tendas, alegando que había poucas unidades á venda do produto promocionado”, apunta a Federación.
Para non caer no engano da publicidade e no “malgasto”, FACUA recomenda aos usuarios comparar as calidades e os prezos en distintos establecementos.
Os consellos do INC
Pola súa banda, o Instituto Nacional do Consumo (INC) lanza os recordatorios de sempre. Indica que os produtos que se poñan á venda en rebaixas deben ser os mesmos que xa estaban no establecemento antes de iniciarse estas, durante un mes como mínimo e a un prezo normal, sen ofertas, e na súa etiqueta ten que figurar tanto o prezo anterior como o rebaixado ou a porcentaxe de rebaixa que se ofreza.
As rebaixas non poden supor ningunha diminución na calidade dos artigos nin nos dereitos dos consumidores. No caso de que o produto adquirido presente algún defecto, non responda as características e calidade anunciadas, non ofreza a utilidade que ordinariamente proporcionan os bens do mesmo tipo ou non sexa apto para o uso requirido polo consumidor e recoñecido polo comerciante, este estará obrigado á reparación do ben, á súa substitución por outro idéntico sen taras, á rebaixa do prezo ou, no seu caso, á devolución do importe pago, segundo estipula a Lei de Garantías.
Esta normativa non impide que o propio vendedor alongue voluntariamente o período de rebaixas ou ofreza outras garantías suplementarias aos seus clientes a través dun documento de garantía comercial, que debe conservarse.
En todo caso, para facer valer os dereitos que outorga a garantía obrigatoria é necesario conservar o billete de compra e se, en execución da mesma, o consumidor elixe a devolución do importe pago, este terase que reintegrar de forma efectiva, sen cargos adicionais e sen reembolsarlo en forma de vales, salvo que esta forma de abono sexa solicitada polo cliente.
Tamén é recomendable consultar previamente ao vendedor se, por problemas de tallas ou por outras circunstancias, admite devolucións, e de ser así como se efectuaría a compensación: coa compra doutro produto, coa devolución do diñeiro ou cun vale de compra.