
O ministro de Industria, Turismo e Comercio presentou onte o novo Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética, co que pretende reducir o consumo de enerxía en España de aquí ao ano 2011. As medidas estrela deste proxecto, que terá un custo de 245 millóns de euros, son a redución dos límites de velocidade no acceso ás cidades e o impulso aos vehículos híbridos e eléctricos.
Segundo explicou Sebastián ante a Comisión de Industria do Congreso dos Deputados, este plan contempla 31 medidas, que engloban catro ámbitos de actuación distintos e que complementan a outras xa en marcha, motivadas polo novo escenario derivado da escalada do prezo do petróleo.
O ministro sinalou que “o elevado peso dos combustibles fósiles no noso balance enerxético, xunto con nosa elevada dependencia enerxética e o noso excesivo consumo de enerxía, fan ao noso país máis vulnerable ante o novo escenario de prezos enerxéticos”. Segundo datos oficiais, só tendo en conta o encarecemento do cru no último ano, “hoxe o noso país é 17.000 millóns de euros máis pobre que hai un ano”.
Levantar o pé do acelerador
Para tratar de reducir a factura enerxética, o Ministerio pretende que en España haxa un millón de vehículos híbridos e eléctricos en 2014, “no seu maior parte fabricados aquí”, para o que está a traballar co sector da automoción e as administracións autonómicas.
Así mesmo, Sebastián avanzou que en tres meses reduciranse nun 20% os límites de velocidade nos accesos ás cidades e vías de circunvalación de gran capacidade. “Cada vez que levantamos o pé do acelerador melloramos a renda nacional”, apuntou o titular de Industria, tras asegurar que o transporte supón o 40% do consumo enerxético.
O plan de aforro enerxético contempla tamén regalar a cada fogar dúas lámpadas de baixo consumo e limitar a 26 graos a temperatura máxima no verán e a 21 no inverno nos edificios públicos.
Con estas e outras actuacións búscase reducir o consumo de enerxía en 44 millóns de barrís de cru, o que equivale a un aforro de seis millóns de toneladas equivalentes de petróleo. Ou o que é o mesmo, o equivalente ao 10% das importacións anuais de ouro “negro” de España.
Estas iniciativas agrúpanse en catro ámbitos de actuación diferentes.
Mobilidade
– Proxecto piloto de introdución de vehículos eléctricos en colaboración coas comunidades autónomas e entidades locais para ver a súa viabilidade técnica, enerxética e económica.
– Preferencia sobre os turismos de clase de eficiencia enerxética A en a contratación pública.
– Os vehículos públicos terán como requisito obrigatorio o uso dun mínimo do 20% de biocarburantes.
– Garantirase o cumprimento do obxectivo do 5,83% do consumo de bioarburantes para automoción en 2010.
– Renovaranse uns 240.000 vehículos con máis de 15 anos de antigüidade mediante o Plan VIVE (Vehículo Innovador-Vehículo Ecolóxico).
– Os fabricantes de coches deberán informar as emisións e o consumo enerxético do vehículo a través dunha etiqueta enerxética comparativa.
– Reduciranse os límites de velocidade nun 20% de media no acceso ás grandes cidades e vías de gran capacidade.
– levarán a cabo campañas para informar os cidadáns sobre técnicas de condución eficiente.
– Axudarase aos municipios a mellorar o transporte público e a comprar vehículos máis eficientes.
– Incorporaranse criterios de eficiencia enerxética á hora de determinar a achega da Administración Central no financiamento do transporte público.
– Os operadores de telefonía móbil deberán garantir a cobertura na rede de metro de todas as cidades españolas.
– Acordarase a extensión do horario de apertura do metro durante os fins de semana.
– Promoverase o transporte urbano en bicicleta, implantando sistemas de bicicletas de uso público e carrís bici urbanos.
– Nas cidades de máis de 500.000 habitantes haberá carrís reservados ao transporte colectivo de viaxeiros.
– Favorecerase a mobilidade de traballadores establecendo rutas de autobuses para que poidan acceder ao seu lugar de traballo sen usar o vehículo privado.
– Permitirase aos avións comerciais usar os corredores do espazo aéreo do Ministerio de Defensa.
Aforro enerxético en edificios
– A temperatura no interior dos edificios climatizados de uso non residencial e outros espazos públicos, excluíndo os hospitais, non poderá baixar de 26 graos no verán, nin superar os 21 no inverno.
– Financiaranse os investimentos que promovan o aforro enerxético das instalacións.
– Os edificios públicos deberán alcanzar unha alta cualificación enerxética.
Medidas transversais
– Industria duplicará o orzamento do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) para proxectos estratéxicos de grandes empresas e grupos industriais.
– As empresas con certificado AENOR terán preferencia na contratación pública.
– Asinarase un convenio co Consello de Consumidores e Usuarios (CCU) para desenvolver campañas de promoción do aforro enerxético.
– Impulsaranse as empresas de servizos enerxéticos.
Aforro eléctrico
– Traballarase coa Comisión Europea para sacar do mercado as lámpadas incandescentes.
– Repartiranse gratuitamente lámpadas de baixo consumo (unha por cada fogar en 2009 e outra en 2010) a través de vales agasallo na factura da luz.
– Repartición de seis millóns de lámpadas de baixo consumo a través dun programa para a substitución das lámpadas tradicionais.
– Establécese o obxectivo de reducir un 10% o consumo eléctrico por parte da Administración Xeral do Estado na primeira metade de 2009 con respecto ao mesmo período de 2008.
– Mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública exterior.
– Redución nun 50% do consumo enerxético na iluminación de autovías e autoestradas.
– Aprobarase unha norma que permita ás empresas ferroviarias compensar na súa factura a electricidade recuperada por freada.
– Finalmente, tratarase de rebaixar as perdas en transporte e distribución de electricidade.