O secretario xeral da Organización paira as Nacións Unidas (ONU), o ganés Kofi Annan, asegurou onte en Oslo que “a erradicación da pobreza, a prevención dos conflitos e a promoción da democracia” serán as tres prioridades da ONU paira o século XXI, o cal -lamentou- empezou mal. “Entramos no terceiro milenio por unha porta de lume. Si hoxe, despois do horror do 11 de setembro, vemos mellor e máis lonxe, darémonos conta de que a humanidade é indivisible”, afirmou Annan, no discurso tras recibir o Nobel da Paz 2001.
“Ao empezar o século XXI -século que perdeu xa a esperanza de que o progreso cara a unha Paz e una prosperidade mundial sexa inevitable-, esta nova realidade non pode ser ignorada”, dixo, evocando as “novas ameazas que non fan distincións entre razas, nacións nin relixións”.
Ante esta constatación, Annan, que comparte o Nobel coa organización da que é secretario xeral, anunciou, nun discurso cheo de referencias relixiosas ao Corán, a Biblia e o Torá, as grandes orientacións da ONU paira os decenios futuros.
“No século XXI, creo que a misión das Nacións Unidas será definida por unha toma de conciencia, nova e máis profunda, do carácter sacro e da dignidade de cada ser humano, sexa cal for a súa raza ou a súa relixión”, afirmou.
O secretario xeral da ONU indicou que “desta visión do papel das Nacións Unidas no curso do próximo século despréndense tres prioridades paira o futuro: a erradicación da pobreza, a prevención dos conflitos e a promoción da democracia”.
“Nun mundo cheo de armas de guerra e demasiado a miúdo de palabras belicosas, o Comité Nobel converteuse nun actor vital paira a paz. Lamentablemente, os premios da Paz son rarezas neste mundo”, proseguiu o secretario xeral.
Sen desfiles nin panteóns
“A maioría das nacións teñen monumentos e memoriales de guerra, medallas de bronce paira as batallas heróicas ou arcos de triunfo. Pero a paz non goza de ningún desfile, de ningún panteón vitorioso”, recalcou.
Annan e a ONU, representada polo surcoreano Han Seung-Soo, presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, recibiran pouco antes o Nobel da Paz de mans do presidente do Comité Nobel noruegués, Gunnar Berge, no curso dunha fastuosa cerimonia, coa que se celebraba o centenario da distinción. A entrega do premio tivo lugar poucas horas despois da publicación dun chamamento feito por 16 anteriores laureados en favor da creación dun Tribunal Penal Internacional e do restablecemento da paz en Oriente Próximo.