A situación dos mercados hipotecarios europeos pode supor un risco para a estabilidade financeira da zona, segundo un estudo sobre o sector bancario publicado onte polo Banco Central Europeo (BCE). A análise reflicte que a intensa competitividade no mercado das hipotecas fixo que se faciliten as condicións de acceso aos créditos para a vivenda e, segundo o BCE, algúns acontecementos do sector, que o BCE non especificou, poderían pór en perigo a estabilidade financeira.
O estudo afirma que os mercados nacionais son amplamente competitivos, aínda que hai “barreiras culturais e legais” que limitan os préstamos para vivendas entre países. Ademais, a falta de oportunidades lucrativas, pola forte competitividade interna, tamén frea a presenza estranxeira neses mercados, explicou o BCE.