Nunha histórica sentenza, a Audiencia Nacional ha condenado ao Estado a indemnizar con 71.121,45 euros (12 millóns de pesetas) á nai dun neno que naceu sen un brazo e con outras carencias físicas, e que non foi informada diso, o que lle impediu decidir se abortaba. O dano foi nacer, vir ao mundo cuns cuantos defectos e non dar á nai a opción de abortar por non avisala de que o feto estaba malformado, apunta a sentenza.
O fallo, redactado o sete de maio pola Sala Cuarta do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional, é o primeiro na historia xudicial española que recoñece o dereito a non nacer nestas circunstancias e establece que a ausencia do diagnóstico dunha malformación fetal eliminou a opción da nai a decidir. É dicir, que o erro médico provocou un dano, que o propio nacemento causou un prexuízo, unha tese para futuras dialécticas éticas.
O caso arrincou en 1996, cando a nai acudiu ao Hospital de Móstoles para someterse ás ecografías rutineiras. Segundo o informe do hospital, a proba realizada na undécima semana de xestación revelou a existencia de catro membros (dous brazos e dúas pernas), “polo que o defecto de orixe vascular debeu producirse posteriormente”. O centro afirma que na ecografía practicada na vixésima semana vese “polo menos unha man e un pé” e que “non se aprecian malformacións”.
A sentenza cita tamén o documento da inspección médica, que asegura un “adecuado seguimento” do embarazo por parte do Hospital de Móstoles. Conta que os médicos desa localidade madrileña diagnosticaron correctamente un “atraso do crecemento intrauterino” e que en España se pode abortar por graves malformacións do feto ata a vixésimo segunda semana. “Se se detectaron as malformacións nas últimas ecografías, xa estaría fóra de prazo”.
A inspección médica recoñece que o ecografista puido equivocarse na proba da undécima semana ao observar catro membros cando en realidade estaba a ver dúas veces o brazo dereito debido á mobilidade do feto.
O ditame pericial asegura que o Hospital de Móstoles axustouse ao protocolo médico en canto ao número de ecografías realizadas. Pero sostén que a falta dun brazo “é objetivable desde as ecografías máis temperás”, que esa carencia debeu detectarse na duodécima semana de xestación e “por suposto” na vixésima.
Os xuíces estiman que a falta de tempo do ecografista “puido ser a causa” da non detección dun defecto que a ciencia moderna pode visualizar tras doce semanas de embarazo.