A regularización extraordinaria aprobada polo Goberno entrou o 4 de xuño en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), onde se estende esta medida ao uso de diñeiro en efectivo non declarado. A orde ministerial que publica o BOE e que desenvolve o decreto lei aprobado polo Goberno recolle que poderán acollerse á amnistía aqueles contribuíntes que manifesten ser titulares de diñeiro en efectivo non declarado con anterioridade ao 31 de decembro de 2010.
Para regularizalo, os cidadáns só terán que depositar a cantidade nunha conta a nome do declarante antes de presentar a declaración tributaria especial deseñada para este fin. Segundo a orde ministerial, poderán acollerse á regularización extraordinaria os contribuíntes de IRPF, Imposto de Sociedades e Imposto da Renda de non Residentes titulares de bens ou dereitos de rendas non declarados. A titularidade destes bens e dereitos deberá adquirirse antes do 31 de decembro de 2010 e poderá acreditarse por calquera medio de proba admisible en Dereito.
Os bens ou dereitos declararanse polo seu valor de adquisición, excepto no caso de cantidades en contas abertas en entidades que se dediquen ao tráfico bancario ou crediticio, que se declararán polo importe total do saldo ao 31 de decembro de 2010. A contía que terán que pagar aqueles que se acollan a esta regularización extraordinaria será do 10% do importe declarado e sobre a contía ingresada non serán esixibles sancións, intereses nin recargas.
A declaración especial terá que presentarse antes do 30 de novembro de 2012 e os datos relativos á presentación serán de carácter reservado. Con esta medida, o Goberno espera recadar ata 2.500 millóns de euros.
O BOE publicou tamén outra orde ministerial pola que se aproba o gravame especial de dividendos e rendas de fonte estranxeira derivadas da transmisión de valores representativos dos fondos propios de entidades non residentes en España.