O Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situouse en xuño no 5,1%, a porcentaxe máis alta de toda unha serie histórica que se remonta a 1997, segundo o indicador adiantado elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Salvo abril, a inflación harmonizada non deixou de subir desde setembro de 2007, e duplica a taxa rexistrada en xuño do pasado ano.
Este indicador proporciona un avance do IPCA que, en caso de confirmarse o próximo 11 de xullo -cando se publicarán os datos definitivos deste mes-, suporía un aumento de catro décimas na súa taxa anual, xa que no mes de maio esta variación foi do 4,7%.
No caso de que o IPCA de xuño coincida coa taxa xeral de inflación (IPC), trataríase da máis elevada desde o mesmo mes de 1995, cando tamén se situou no 5,1%, e sería 2,7 puntos superior á de xuño de 2007.
En maio, a inflación alcanzou o 4,6%, a máis alta desde xullo de 1995, cando foi do 4,7%. Desde o Goberno central calculan que os prezos subirán este exercicio na contorna do 4%.
O indicador adiantado calcúlase utilizando a mesma metodoloxía que a empregada para o IPCA, pero utilizando diversos métodos de modelización estatística para estimar aquela información da que aínda non se dispón no momento da publicación.
O INE lembra que este indicador proporciona unicamente unha información orientativa e, por tanto, non ten por que coincidir co dato do IPCA que se coñecerá o próximo 11 de xullo.