O Índice de Prezos de Consumo (IPC) baixou en xullo un 0,6%, o que reduciu a inflación acumulada ao 1,7% pero elevou a taxa interanual unha décima, ata o 4%, segundo os datos dados a coñecer hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A inflación subxacente, que exclúe os alimentos frescos e a enerxía, situouse no 3,1%, unha décima máis que en xuño.
O inicio das rebaixas de verán favoreceu a caída do IPC en xullo. Así, o grupo de vestido e calzado abaratouse un 11%, mentres que o de enxoval fíxoo nun 0,6% polo mesmo motivo, e o de comunicacións, un 0,2%.
En cambio, subiu lecer e cultura (1,2%), hoteis, cafés e restaurantes (0,9%), transporte (0,8%), alimentos e bebidas non alcohólicas (0,4%), vivenda (0,3%), medicamento (0,2%), e ensino (0,2%). Os prezos de bebidas alcohólicas e tabaco e outros bens e servizos non variaron.
Por produtos, os encarecementos que máis pesaron na cesta da compra de xullo foron os da carne de ave (2,6%), ovino (7,1%), porcino (2,4%) e o leite (1,4%). Tamén afectaron de forma negativa as subidas de carburantes e lubricantes (2,3%), viaxes organizadas (9,5%), hoteis e outros aloxamentos (10,6%), restaurantes, bares e cafetarías (0,3%), electricidade (0,8%), e outros combustibles (2,2%).
Pola contra, as baixadas que máis beneficiaron ao IPC foron as dos aceites (1,7%), vestido (11,6%), calzado (9,8%), e artigos téxtiles para o fogar (4,2%).
No último ano os grupos máis inflacionistas son vivenda (6,8%), transporte (5,8%), alimentos e bebidas non alcohólicas (4,8%), hoteis, cafés e restaurantes (4,5%), e ensino e outros bens e servizos (3,9%). O único grupo que se abaratou desde xullo de 2005 é o de comunicacións (1,4%).
Por comunidades, os prezos só subiron en Baleares, 0,1%. Na Rioxa baixaron un 1,1%; en Andalucía, Asturias, Estremadura, Galicia e Murcia, un 0,8%; en Canarias, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana, un 0,7%; en Aragón e Navarra, un 0,6%; en Castela e León, Cataluña e o País Vasco, un 0,5%; en Madrid, un 0,3%, e en Cantabria, un 0,1%. En Ceuta e Melilla reducíronse un 1,3%.