Os produtos de limpeza utilizados habitualmente no fogar poden conter sustancias ou preparados que resultan nocivos para o ser humano e para o medio ambiente, polo que hai que extremar as precaucións no seu uso.
A clasificación dos produtos químicos nunha ou varias categorías de perigo efectúase, de acordo co Real Decreto 255/2003, polo que se regula a clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos e pola Nota Técnica de Prevención nº 635 (NTP 635) do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.
Para salvagardar, entre outros, os dereitos á á saúde, á seguridade e á información dos consumidores, segundo os seus efectos sobre a saúde humana, as sustancias ou preparados químicos divídense en:
–Moi tóxicos: Son aqueles que por inhalación, inxestión ou penetración cutánea en moi pequena cantidade poden provocar efectos agudos ou crónicos e mesmo a morte. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa expresión T+.
–Tóxicos: Por inhalación, inxestión ou penetración a través da pel en pequenas cantidades poden ocasionar problemas agudos ou crónicos, e mesmo a morte. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa letra T.
–Nocivos: Ao ser inhalados, inxeridos ou por penetración cutánea poden provocar efectos agudos ou crónicos, e mesmo a morte. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa expresión Xn.
–Corrosivos: En contacto cos tecidos vivos poden exercer unha acción destrutiva dos mesmos. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa letra C.
–Irritantes: En contacto coa pel ou as mucosas poden provocar unha reacción inflamatoria. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa expresión Xi.
–Sensibilizantes: Por inhalación ou penetración cutánea poden ocasionar unha reacción de hipersensibilidad, de forma que unha exposición posterior a esa sustancia ou preparado pode dar lugar a efectos negativos.
–Carcinogénicos: Por inhalación, inxestión ou penetración cutánea, poden producir cancro ou aumentar a súa frecuencia.
–Mutagénicos: Por inhalación, inxestión ou penetración cutánea poden producir alteracións xenéticas ou aumentar a súa frecuencia.
–Tóxicos para a reprodución: Se se inhalan, inxeren ou penetran a través da pel poden producir efectos negativos non hereditarios na descendencia ou aumentar a frecuencia destes, ou afectar de forma negativa á función ou á capacidade reprodutora.
As sustancias e preparados carcinogénicos, mutagénicos e tóxicos para a reprodución, diferéncianse segundo o seu grao de perigo en categorías 1, 2 ou 3.
Doutra banda, atendendo aos seus efectos sobre o medio ambiente, as sustancias ou preparados que presenten ou poidan presentar un perigo inmediato ou futuro para un ou máis compoñentes do medio ambiente denominaranse perigosos para a contorna natural. A súa etiquetaxe debe conter un pictograma coa expresión -N.