O 71% das persoas que buscan por primeira vez entrar no mercado laboral e baixo ese epígrafe inscríbense nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SPE) son mulleres. A crise, lonxe de desanimar aos parados que nunca traballaron e aguilloados polas necesidades socioeconómicas, provocou que o colectivo suba en máis do 5% interanual e chegue aos 239.365 aspirantes a data 31 de xullo, segundo datos do Ministerio de Traballo e Inmigración e do Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste total, 63.953 son homes e 169.412 mulleres.
En cifras absolutas, Andalucía sitúase como a comunidade con máis desocupados aspirantes a ser contratados, con 86.145 inscritos. Séguenlle Galicia, con 20.926 desempregados, e Canarias, con 19.048. No número catro aparece a Comunidade Valenciana, con 17.332 parados.
Nas oficinas do SPE en Castela e León inscribíronse 16.272 cidadáns, mentres que en Cataluña fixérono 15.425; en Estremadura, 12.869, e en Madrid, 11.157. Mentres, en Castela-A Mancha foron 8.933; no País Vasco, 4.912; en Murcia, 4.435; en Asturias, 4.333; en Aragón, 3.036; en Cantabria, 1.986, e na Rioxa tan só 572, pero tamén é a autonomía co menor censo.
Por idades, a necesidade e o desexo de atopar o primeiro traballo predomina entre os desempregados maiores de 44 anos, que representan o 38% (90.560 persoas) do total. Pola contra, o menor grupo, que tan só supón o 8% (18.971 persoas), corresponde aos desocupados de 25 a 29 anos. Os homes máis interesados en inserirse no mercado laboral son os menores de 20 anos, un total de 21.484.