O mercado eléctrico español ten pendente parte da adecuación ás normas comunitarias, que vetan as tarifas reguladas para que a maioría dos consumidores adquiran a subministración no mercado libre, sen intervención do Estado nos prezos. A posibilidade de subscribirse ao mercado regulado segue vixente para as pequenas e medianas empresas, aínda que está previsto que a partir de xullo aquelas que contraten potencias de entre 15 e 50 quilowatts adquirisen a enerxía no mercado libre como única opción.
Unha pequena e mediana empresa ten dúas opcións para contratar a subministración de enerxía, ben a través do mercado liberalizado, abonando as tarifas de acceso ás redes e o prezo do quilowatt que estableza a oferta e a demanda, ou por medio da tarifa regulada polo Goberno que establece un prezo máximo mensual. No primeiro caso a empresa poderá pagar a peaxe de acceso ás redes á distribuidora e a subministración á empresa comercializadora, ou ambos a esta última, en función da conveniencia e as ofertas de cada unha. A potencia máxima contratada non debe exceder os 50 quilowatts; desta maneira, as distribuidoras cobrarán un prezo regulado e publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) establecido e revisado periodicamente por orde ministerial.
A desaparición da tarifa regulada para a gran industria supuxo un encarecemento da electricidade dun 50% para este sector
A desaparición en xullo de 2008 da tarifa regulada para a gran industria deu como resultado un encarecemento da electricidade para este sector da economía, estimado nun 50% pola Asociación de Empresas de Gran Consumo de Enerxía (AEGE). Iso dá unha idea do gran impacto que podería ter a aplicación da medida nas máis de 600.000 pemes que contratan potencias de ata 50 quilowatts.
Cambio de sistema
A tarifa unificada para consumidores de menos de 50 quilowatts conta con 56 anos de vida e pode chegar ao seu fin este ano para facer que España se adecue por completo á norma comunitaria en materia de enerxía, trasladada á lexislación española a mediados de 2007, e que tivo como consecuencia o fin da tarifa regulada para a gran industria, entre outras medidas en materia enerxética. Segundo a nova normativa, en xullo de 2009, as pequenas e medianas empresas que contraten potencias de entre 15 e 50 quilowatts deberán adquirir a enerxía en mercado libre como única opción. Neste caso, as tarifas de baixa tensión para potencias superiores a 15 quilowatts reflicten dous conceptos, un fixo e outro variable:
- Termo de potencia: abónase segundo a potencia contratada.
- Termo de enerxía: abónase en función da enerxía consumida.
Así, para unha pequena e mediana empresa de baixo consumo o termo de potencia será de 1,988549 euros por mes e o termo de enerxía será de 0,101941 euros por quilowatt consumido cada hora. Estes prezos, á súa vez, estarán suxeitos ás oscilacións da oferta e a demanda, cunha subida próxima ao 30% para o recentemente estreado ano: un 20% correspondente ao prezo da electricidade e un 10% ao aumento do prezo da peaxe.
Aplicación pendente
Queda unha pequena esperanza para os pequenos e medianos empresarios, xa que a Comisión Nacional de Enerxía (CNE) aínda non se pronunciou sobre a eliminación das tarifas reguladas para pemes. O decreto elaborado por Industria para este ano prevé manter un prezo máximo mensual só para os consumidores que contraten potencias inferiores a 15 quilowatts (antes o límite era de 50 quilowatts), decisión que ten consecuencias directas sobre o sector de baixo consumo.
Da enerxía total consumida no país, aproximadamente un 75% corresponde a clientes a tarifa
A aplicación da medida posporase ata mediados de 2009 (de feito, o Ministerio de Industria e Comercio e o CNE non procederán ata xullo á eliminación das tarifas reguladas para os pequenos consumidores, establecidas en principio para o 1 de xaneiro de 2009). Ata o momento, a balanza entre as pemes que elixen a tarifa regulada e as que optan polo mercado liberalizado inclínase claramente a favor das primeiras: as pemes no mercado liberalizado caeron case un 13% no último ano, optando polo sistema de tarifas. Da enerxía total consumida no país, aproximadamente un 75% corresponde a clientes a tarifa.