En Nadal, aumenta a circulación de billetes. Úsanse con maior frecuencia para comprar e vender e ata para intercambialos por outros. Ninguén está libre de toparse cun falso. Como evitar que nos coen un billete falso este Nadal? E como recoñecelo? Estes pasos axudarán.
Tocar. O Banco Central Europeo asegura que un billete auténtico pódese recoñecer ao tacto pola súa textura, que é firme e resistente. Pero hai outros elementos que facilitan a identificación dun bo.
Os billetes verdadeiros teñen relevo na imaxe principal, nas letras e na cifra de maior tamaño. E, na serie europea, incorporan bandas de liñas curtas en relevo nos bordos esquerdo e dereito do anverso.
Mirar.Tamén se pode saber se un billete é auténtico se se mira a contraluz. No espazo en branco da parte esquerda deben aparecer as imaxes difusas dunha xanela e o valor do billete. Nos billetes de cinco euros e os novos de dez euros tamén ten que distinguirse o debuxo de Europa, o personaxe da mitoloxía grega que presta o seu nome ao noso continente. Respecto ao fío de seguridade, nel debe deixarse ver o valor do billete e a palabra “euro” ou o seu símbolo.
Virar. Na parte de atrás, á dereita, hai unha especie de banda prateada. Se o billete é auténtico, debe aparecer o valor do billete, o nome ou o símbolo do euro e unha especie de holograma co retrato de Europa.
Microtexto. Algunhas zonas do billete teñen unha serie de caracteres de tamaño reducido. Esta microimpresión pode lerse cunha lupa. Os caracteres non son borrosos, senón nítidos.
Baixo unha luz ultravioleta, o papel non resplandece, é dicir, non emite luz e está escuro.
Pódense apreciar pequenas fibras embebidas no papel. Cada unha delas mostra tres colorees diferentes.
No anverso, as estrelas da bandeira da UE, os círculos pequenos e as estrelas grandes resplandecen en amarelo. Algunhas outras zonas tamén brillan en amarelo.