Os cidadáns do País Vasco e de Madrid son os que subscriben as hipotecas máis altas para comprar vivenda. O importe medio dun crédito desas características na comunidade vasca é de 139.425 euros, fronte aos 117.766 de media no conxunto de España. Pero o primeiro posto do ranking ocúpao Madrid, cun importe medio por hipoteca de 169.362 euros, segundo datos que se recollen na Estatística Rexistral Inmobiliaria do Colexio de Rexistradores correspondente ao terceiro trimestre de 2004.
Esta estatística revela ademais que Navarra e o País Vasco son as autonomías onde os créditos para a compra de vivenda neste período subscribíronse a un menor tipo de interese medio (3,01% e 3,03%, respectivamente), fronte á media nacional, que alcanza o 3,24%.
Pola súa banda, cataláns, galegos e castelán-manchegos son os españois que se endebedan por máis tempo para a compra dun piso. A duración media dos seus contratos alcanza os 26 anos, tres máis que os de valencianos, murcianos ou canarios, cuxos préstamos se alongan por unha media de só “” 23 anos. Fronte a unha maioría abafadora de hipotecas a tipo variable, Navarra é a única comunidade na que máis dun 5% de compradores aposta polo interese fixo.
A duración media dos créditos hipotecarios para a compra de vivenda en España é, segundo a estatística, de 24 anos e dous meses. Un valor que non para de crecer, xa que tres meses antes cifrábase en 23 anos e 11 meses.