A dislexia é a incapacidade para ler causada pola dificultade de aprender os símbolos escritos. Trátase dun trastorno que afecta maioritariamente os homes -aínda que varios estudos conclúen que a alteración é equiparable en ambos os sexos- e cuxa incidencia é difícil de determinar, aínda que as investigacións sinalan que de cada clase de 25 alumnos polo menos un presenta este problema.
Aínda que en España non existen datos poboacionais sobre a incidencia desta alteración neuropsicolóxica, nos países anglosaxóns, nos que a dislexia é moito máis frecuente, oscila entre un 10% e un 17%.
Os especialistas din que é moi importante diagnosticar a dislexia canto antes para evitar sufrimento e frustracións. A detección precoz permite, ademais, pór en marcha un tratamento efectivo. Segundo a vicepresidenta e portavoz da Asociación de Euskadi de Dislexia, Jule Abad Aspiazu, este trastorno “interfere na aprendizaxe da lectura e a escritura, mentres que o resto das habilidades non quedan afectadas; por iso, detectala a idades temperás permite un prognóstico moi positivo”.
O diagnóstico non sempre é fácil. Entre os sinais que advirten da súa presenza destacan problemas de pronuncia, dificultade para abrocharse botóns ou calzarse os zapatos, para entender ordes sinxelas, para memorizar os días da semana, o alfabeto ou rimas infantís.
Método tradicional
No V Congreso Vasco de Dislexia, celebrado a principios de xullo en Bilbao, púxose de manifesto que o método máis adecuado para ensinar a ler e a escribir aos nenos pequenos con dislexia é o analítico, é dicir, o tradicional, fronte a outras opcións de ensino. Segundo Jule Abad, só hai un tratamento, que é a reeducación, é dicir, volver aprender desde o nivel do éxito do neno, “traballando a ruta fonológica, que na maior parte dos casos está bastante afectada”.
Hai que traballar a exactitude, a velocidade lectora e a comprensión coma se fose un xogo, utilizando metodoloxías e materiais adecuados á idade e o interese do neno. Mediante este procedemento, os menores disléxicos poden chegar a ler e escribir correctamente.