O pleno do Parlamento Europeo aprobou onte unha serie de medidas encamiñadas a consolidar o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), mediante o recoñecemento mutuo dos sistemas de garantía e as avaliacións de calidade dos Estados membros da UE.
A Eurocámara pronunciouse a favor das tarefas asumidas polos ministros de Educación de 45 países europeos en Bergen (Noruega) o pasado 20 de maio, ao obxecto de desenvolver estándares comúns que permitan avaliar a calidade dos seus distintos sistemas universitarios e propiciar a validación de títulos.
O pleno introduciu emendas menores no texto que foran previamente pactadas co Consello da UE, polo que a iniciativa pode darse por aprobada sen esperar unha nova negociación entre as dúas institucións.
Mediante as súas emendas, o pleno aposta por crear un “rexistro europeo de organismos de garantía da calidade” da Educación Superior. Así mesmo, reclama que as universidades poidan elixir, entre os distintos organismos de garantía, o que mellor se axuste ás súas necesidades sempre que sexa compatible coa súa lexislación nacional.
No entanto, eliminouse toda referencia a que os Estados membros teñan que aceptar, á hora de conceder subvencións ás universidades, as avaliacións dos organismos de garantía da calidade ou acreditación recollidos no rexistro europeo.