O Jet Propulsion Laboratory (JPL) informou onte de que a Axencia Espacial de Estados Unidos (NASA) captou, a través do telescopio espacial “Spitzer”, un estraño grupo de galaxias en colisión que contén nubes de pequenos cristais nas súas rexións centrais. O descubrimento axudará aos astrónomos a comprender mellor a evolución das galaxias, incluída a Vía Láctea, na que se atopa o noso Sistema Solar, sinalaron desde o JPL.
“Sorprendeunos descubrir eses cristais pequenos e delicados no centro do que podemos describir como un dos lugares máis violentos do Universo”, afirmou Henrik Spoon, científico da Universidade Cornell e autor do informe sobre o achado, que se publicará o vindeiro luns na revista “Astrophysical Journal”. É a primeira vez que se detecta ese tipo de cristais, compostos de area ou silicatos.
As nubes de cristais foron detectadas nun total de 21 galaxias que se atopan entre 240 millóns e 5.900 millóns de anos luz de distancia da Terra. “É coma se estivese a ocorrer unha enorme treboada de area no centro das galaxias”, indicou Le Armus, un dos autores do informe e investigador do Centro Espacial Spitzer no Instituto Tecnolóxico de California.