Entre as medidas incluídas no Plan de Convivencia Escolar, asinado polo Ministerio de Educación e varias organizacións sindicais, destaca a posibilidade de saber mediante unha mensaxe de móbil ou SMS se os fillos están ou non en clase.
Esta iniciativa ten xa precedentes en varias comunidades autónomas que aplican programas experimentais neste sentido. Con todo, con carácter institucional e debido á súa extensión (máis do 80%) destaca o instaurado nos centros de Secundaria de Castela e León.
Nesta comunidade, 184 dos seus 227 institutos de Educación Secundaria (ESO, Bacharelato e FP) adheríronse ao programa “Infoeduc@”, que se enmarca no Programa de Mellora e Calidade dos Servizos Educativos. O seu obxectivo máis inmediato é “mellorar a atención, información e transparencia administrativa, promover a modernización da administración periférica e intensificar a comunicación interna e externa”.
O sistema é voluntario tanto para os centros como para os pais e permite aos usuarios ter a información de varios fillos á vez, aínda que estuden en centros diferentes, a través dun só nome de usuario.
A información que se pode recibir a través da Rede, do teléfono ou mediante mensaxes de móbil, ofrece datos sobre as faltas de asistencia, cualificacións, histórico das cualificacións, horario do alumnado e titor e equipo docente. A información sobre tutoría virtual, que non exclúe a presencial, contén un calendario de eventos, cualificacións e controis de traballo e anotacións de clase. Ata agora, os datos sobre faltas a clase cárganse no sistema cada dous días, pero pódense coñecer por semanas, meses, avaliación ou anos. Neste último caso, ofrécese unha visión de todo o curso, indicando un número total de ausencias por día, por materias, por profesor e outros datos.