“Wikisaber” é un novo portal de Internet educativo gratuíto dirixido a profesores, alumnos, pais e titores. Posto en marcha polas empresas Educatic e Intel, o seu obxectivo é “apoiar a introdución das tecnoloxías da información no ámbito da educación, pondo ao servizo da comunidade educativa as ferramentas da Web 2.0″.
O novo portal está dedicado ao ensino e a aprendizaxe colaborativos e ofrece contidos en español e inglés de materias como Matemáticas, Coñecemento do Medio, Física, Química, Bioloxía e Cultura Clásica.
Os responsables de Wikisaber “” esperan ir aumentando a súa oferta paulatinamente ata completar todas as materias establecidas polo currículo, coa colaboración das diferentes institucións e entidades e coa participación dos docentes, cuxos contidos se difundirán a través do portal e serán recoñecidos e galardoados en distintos premios convocados pola web.
Os contidos do portal están “creados, adaptados e revisados por institucións de recoñecido prestixio”, como London Grid for Learning, a Universidade de Salamanca, Intel Education, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, o Servizo de Apoio ás Ciencias de Ministerio de Educación Británico, a Asociación de Matemáticos Británicos e a Fundación Pastor de Estudos Clásicos.
“Wikisaber” conta cunha “interface atractiva e fácil de utilizar”, de forma que poida chegar a públicos moi diferentes, de idades distintas, responder as necesidades de cada usuario e integrar a participación de todos.
Entre os seus contidos multimedia destacan bancos de imaxes, vídeos e sons. Así mesmo, dispón dun espazo de colaboración onde profesores, alumnos, pais e titores poden intercambiar ideas.