A práctica totalidade dos alumnos españois de primaria e primeiro ciclo de secundaria, un 99%, estuda inglés como lingua estranxeira, segundo un estudo da oficina estatística comunitaria, Eurostat. É unha das taxas máis altas da Unión Europea (UE), só superada por Malta (100%) e situada ao mesmo nivel que Italia.
Este informe pon de manifesto que, no conxunto da UE, o 82% dos estudantes ten o inglés como primeira lingua estranxeira. Igualmente, apunta que durante esta etapa educativa o francés é a lingua estranxeira máis estudada unicamente en Bélxica, Irlanda e Reino Unido, mentres que en Luxemburgo é o alemán.
A segunda lingua estranxeira que se estuda con máis frecuencia é o francés, xa que o fai o 16% dos alumnos europeos, seguida do alemán, cun 9%, e o español, cuxa cifra alcanza o 6%. De feito, o estudo indica que o español é a segunda lingua estranxeira favorita en Francia -para o 15% dos alumnos-, Suecia -para o 16%- e Reino Unido -para o 11%-.
En canto ao segundo ciclo de secundaria, o estudo sinala que un 95% dos alumnos europeos ten o inglés como lingua estranxeira, un dato que se sitúa nun 94% en España. O francés é a lingua máis estudada en Irlanda e Reino Unido, mentres que o alemán o é en Luxemburgo.
O traballo indica que o español é a segunda lingua estranxeira preferida en Francia (28%) e Suecia (43%), mentres que en España o 27% dos estudantes de segundo ciclo de secundaria escolle o francés como segunda lingua.