O creador da ovella “Dolly”, o primeiro mamífero clonado da historia, recibiu onte do Goberno británico a autorización para clonar embrións humanos, procedemento que pensa utilizar no seu proxecto de investigación sobre enfermidades neurológicas.
Ian Wilmut, profesor do Instituto Roslin de Edimburgo e do King’s College de Londres, afirmou, tras recibir o visto e prace da Autoridade para a Fertilización e a Embriología Humanas do Goberno británico, que os seus experimentos teñen só fins terapéuticos. “Isto non ten nada que ver coa clonación reprodutiva”, asegurou desde Edimburgo (Escocia) o investigador, quen expresou a súa esperanza de que os seus experimentos neste campo permitan avanzar nos tratamentos de enfermidades dexenerativas.
Wilmut -que solicitou o permiso en cuestión o pasado mes de setembro- convértese así no segundo investigador que obtén unha autorización para clonar embrións humanos en Gran Bretaña. En agosto de 2004, a Autoridade de Embriología e Fertilización autorizou ao equipo do profesor Miodrag Stojkovic, do Instituto de Xenética Humana da Universidade de Newcastle (norte de Inglaterra), levar a cabo experimentos para clonar embrións humanos. O obxectivo desa investigación era facer crecer embrións para que se convertesen en tecidos que puidesen ser utilizados para tratar zonas do corpo danadas por enfermidades como o Parkinson.
En cambio, a meta de Wilmut e o seu equipo é extraer as células nai de pacientes con enfermidades dexenerativas e implantalas en óvulos non fertilizados, creando así embrións clonados. Despois, o equipo tomará células deses embrións para desenvolver motoneuronas, que son as encargadas de transmitir mensaxes eléctricas do cerebro e a medula espinal aos músculos.
A nova autorización do Executivo británico ha provocado as críticas de organizacións que se opoñen a eses ensaios. Os detractores están persuadidos de que Gran Bretaña se achega cada vez máis á autorización para clonar seres humanos.