O presidente do Goberno comprometeuse onte a manter a presenza das Humanidades en todos os niveis do sistema educativo. José Luís Rodríguez Zapatero quixo así despexar calquera dúbida sobre a desaparición dalgúns títulos desta materia dentro da reorganización do catálogo de titulacións, algo que preocupa ás universidades.
Durante a inauguración do Primeiro Encontro Internacional de Reitores de Universia na Escola de Enxeñeiros da Universidade de Sevilla, Zapatero avanzou que a reforma está en fase incipiente, pero garantiu que se se producen cambios que afecten as Humanidades “na nosa Universidade ou en calquera outro nivel educativo será para realzar a súa importancia, nunca para reducila”.
Sobre a converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior, o presidente indicou que é “ante todo unha oportunidade para a mellora da calidade global do noso sistema, e debe propiciar os cambios necesarios e positivos nas nosas titulacións e plans de estudo pero, sobre todo, nas formas e métodos de ensino”.
Zapatero anunciou ademais que, no marco da XV Cume Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno que se celebrará en Salamanca, impulsará un Programa Cume para propiciar un espazo común iberoamericano do coñecemento.
As palabras do presidente do Goberno causaron especial satisfacción no reitor da Universidade de Sevilla e anfitrión do Encontro, Miguel Florencio, quen horas antes se mostrou convencido de que titulacións como Historia da arte seguirían “sendo unha realidade” en España, pois o contrario sería un “erro”.