O laboratorio catalán Dr. Echevarne e a compañía inglesa Smart Cells International asociáronse para crear en España o primeiro servizo privado de conxelación de células nai de cordón umbilical. Este novo servizo entrará en funcionamento en setembro.
Esta iniciativa ofrece aos pais a posibilidade de conxelar e preservar células nai do cordón umbilical dos seus fillos nun centro situado en Gran Bretaña. Posteriormente poderanse utilizar na vida do pequeno ou dos seus familiares directos fronte a determinadas enfermidades que precisan rexenerar os tecidos.
O director técnico do laboratorio, Alfonso Echevarne, indicou que o prezo do servizo é de 1.850 euros e inclúe a recollida, o traslado, o depósito e a criopreservación das mostras, mediante a súa conxelación a menos de 180 graos con vapores de nitróxeno líquido, durante un período de vinte e cinco anos.
Segundo comentou o director científico do laboratorio catalán, Marc Isamat, a utilización destas células nai ten aplicación nunha lista crecente de enfermidades.
Ademais da súa aplicación en linfomas e leucemias, estas células demostraron a súa capacidade de diferenciación cara a outros tecidos como músculo cardíaco ou tecido óseo. Algunhas patoloxías nas que se está experimentado a súa curación con células de cordón umbilical son a diabetes ou as enfermidades hepáticas, renais ou neurodegenerativas, como o Alzheimer e o Parkinson.