Os detectores infravermellos e o telescopio do Observatorio Espacial Herschel confirmaron a presenza de moléculas de osíxeno no espazo. Os científicos da NASA cren que o osíxeno se atopa encerrado no xeo de auga detectada en pequenos grans de po da nebulosa de Orión.
Aventuran que este osíxeno se formou tras un proceso no que a luz da estrela quentou os grans de xeo e provocou que se liberase auga, que logo se converteu en moléculas de osíxeno. Os científicos explican que a presenza de átomos de osíxeno no espazo é bastante común, sobre todo ao redor de estrelas masivas, pero non así a de moléculas deste elemento.
Os astrónomos buscaran durante décadas a existencia no espazo deste tipo de moléculas sen éxito. O primeiro indicio que se tivo delas proporcionouno o telescopio sueco Odin, pero o descubrimento non puido ser confirmado. O interese dos científicos na procura deste tipo de moléculas explícase pola súa función esencial para a existencia da vida, xa que constitúen case 20% do aire que respiramos.
“O universo aínda garda moitos segredos”, afirma Paul Goldsmith, científico do proxecto Herschel. Os astrónomos móstranse sorprendidos pola escasa cantidade deste tipo de moléculas atopada no espazo, e explican que o osíxeno, como terceiro elemento máis común do universo, debería de contar con maior presenza molecular espacial.
A partir de agora, os astrónomos da NASA proseguirán a súa procura noutras rexións de Orión coa axuda de Herschel. O Observatorio facilitou aos investigadores unha ferramenta innovadora que facilita novas lonxitudes de onda que permiten a detección da presenza de osíxeno.