Os alumnos que usan libros dixitais poden mellorar ata un 50% a súa ortografía, segundo a conclusión principal dun estudo elaborado pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e a Blanquerna (URL) entre 1.700 alumnos de Secundaria de Cataluña usuarios do programa Educat 1×1.
Os estudantes que empregaron contidos dixitais experimentaron unha mellora de resultados dun 20% de media, ata chegar a alcanzar o 50% nalgúns casos. Os alumnos con peores resultados neste estudo pertencen a escolas onde non hai portátiles propios para cada alumno, polo que só poden usar o computador en casa e, paralelamente, nos colexios onde non se usan estas tecnoloxías non se detectaron melloras.
Este traballo resulta “revelador” porque avala que os estudantes que usan contidos multimedia melloran máis que os que usan métodos tradicionais, o que demostra por primeira vez que as tecnoloxías da información e a comunicación aplicadas ao ensino poden axudar ao alumno a mellorar os seus resultados académicos.
O estudo, liderado polo profesor da UAB Pere Marquès e realizado durante o último trimestre do curso 2010-2011, forma parte dunha macroinvestigación que se prolongará durante varios anos para abordar a progresión académica vinculada ao uso das novas tecnoloxías nas aulas. De feito, a primeira fase centrouse na ortografía, unha das materias pendentes dos escolares cataláns, xunto coa comprensión lectora.
Os alumnos dividíronse en dous grupos. Un traballou durante dous meses as regras ortográficas con métodos tradicionais e o outro mediante contidos dixitais, competencia que se avaliou ao comezo e ao final da proba.