“Educación mediática” podería ser unha nova materia a impartir nos colexios europeos. Un informe aprobado polo Parlamento Europeo suxire que forme parte dos plans de estudo en todos os niveis de educación escolar.
“A alfabetización mediática implica a capacidade de comprender e valorar críticamente os diversos aspectos dos distintos medios de comunicación, conseguindo filtrar certeramente a información recibida a través do torrente de datos e imaxes”, explica a Eurocámara. Na súa opinión, desenvolver dita capacidade “é fundamental para aproveitar as oportunidades da actual era dixital”.
O informe expón que a materia de Educación “mediática” debe contar, na medida do posible, cun carácter práctico e pluridisciplinario, vinculado a materias económicas, políticas, literarias, sociais, artísticas e informáticas, así como a proxectos extraescolares. Recomenda ademais a elaboración de produtos mediáticos coa participación de alumnos e profesores como medida de formación práctica.
O texto recomenda que a “Educación mediática” informe sobre os aspectos dos dereitos de autor que implica o uso dos medios e sobre a importancia de respectar os mesmos, así como sobre a seguridade dos datos e da privacidade e o “dereito de autodeterminación” en materia informativa.
Por outra banda, o informe aprobado polos eurodeputados subliña a necesidade de mellorar as infraestruturas nas escolas para que todos os nenos teñan acceso a Internet.