As mozas que estudan en clases onde non hai mozos teñen un rendemento maior en Secundaria que aquelas que asisten a clases mixtas. Así o afirma un amplo estudo realizado no Reino Unido, país cunha gran presenza de centros exclusivamente masculinos ou femininos.
A investigación, realizada entre 700.000 alumnas de escolas públicas, sinala que esa diferenza se explica polo feito de que se evitan as distraccións que a esas idades pode supor o sexo oposto. Ademais, destaca que ao non sentirse observadas por compañeiros xérase entre elas unha maior autoconfianza. Polo que se refire a a educación exclusivamente para mozos, as diferenzas que se aprecian non son tan concluíntes.
A comparación estableceuse entre 71.286 estudantes de colexios femininos e 647.942 alumnas de centros mixtos, coa análise das notas obtidas entre 2005 e 2007. Ademais tívose en conta a situación económica das súas familias e o grao educativo alcanzado polos seus pais. Todo iso determinou o Valor Contextual Engadido (CVA, nas súas siglas inglesas).
O estudo, que non tivo en conta o contexto social nin a calidade de profesores e centros educativos, afirma que as mozas que terminaron con notas medias en Primaria e comezaron a Secundaria en centros nos que só había alumnas, finalizaron os seus estudos cun CVA seis veces superior ao obtido polas que ían a colexios mixtos.
A diferenza maior obsérvase nas nenas que aos 11 anos teñen malas notas. Estas, se van a un centro mixto logran un CVA de -10, mentres que se van a un colexio exclusivamente feminino a cualificación é de 17.