Caras de felicidade ou de desánimo, pero tamén de sorpresa ou incredulidade, e é que cando se publican os resultados dos exames son moitos os estudantes que consideran que a nota obtida non se corresponde coa que eles esperaban. Para emendar posibles erros de corrección, ou para ratificar o resultado, os universitarios poden solicitar a revisión do exame e realizar unha reclamación posterior no caso de non estar de acordo cos criterios aplicados.
Estudar e cumprir as tarefas e actividades previstas na programación docente das materias; estas son as principais obrigacións que adquire un estudante universitario ao matricularse nun centro de estudos superiores, tal como recóllese nos estatutos das distintas universidades. Pero ademais de obrigacións, os estudantes tamén teñen dereitos. Entre eles, un dos máis importantes é o de recibir unha valoración obxectiva do seu rendemento académico e dispor da opción de reclamar ou impugnar coas debidas garantías esta valoración naqueles casos en que a consideren inxustificada ou arbitraria.
A maioría das universidades españolas inclúe dentro da súa normativa un regulamento específico de exames
A maioría das universidades españolas inclúe dentro da súa normativa un regulamento específico de exames realizado pola Xunta de Goberno de cada universidade, no que se recolle, ademais das pautas sobre a programación e desenvolvemento das distintas probas de avaliación que realicen os estudantes durante o transcurso do ano académico, os procedementos que os alumnos poden levar a cabo en caso de desconformidade coa cualificación outorgada: a revisión do exame co profesor que o cualificou e a reclamación ante un órgano superior competente. Aínda que os procedementos adoitan ser moi parecidos, estes regulamentos poden diferir entre as distintas universidades e por tanto é conveniente consultar a normativa do propio centro ou facultade para coñecer a metodoloxía exacta que se aplica nestas situacións.
Revisar os contidos
Unha vez corrixidos os exames, os resultados débense facer públicos no taboleiro de anuncios correspondente no prazo que marque o regulamento de exames ou o estatuto da universidade. En caso de desconformidade coa cualificación obtida, os alumnos poden acudir á revisión do exame do modo que estea marcado no regulamento do seu centro de estudos:
O alumno pode levar á revisión todo aquel material que considere oportuno para xustificar a súa desconformidade
A revisión, que adoita realizarse xeralmente entre os dous e dez días posteriores á publicación das cualificacións, é individual e consiste nunha nova valoración por parte do profesor dos aspectos nos que o alumno mostre desacordo entre o contido das respostas e a cualificación outorgada. Para realizala é aconsellable que o alumno leve consigo todo aquel material académico ou extraacadémico que considere oportuno para xustificar as súas respostas ás cuestións nas que estea desconforme co criterio de cualificación do profesor. Unha vez realizada a revisión, o profesor debe tomar unha resolución definitiva sobre a cualificación de exame. Se o alumno non está conforme pode optar pola seguinte fase: a reclamación.
Reclamar ante un órgano superior
Os estudantes que tras a revisión dun exame sigan discrepando co profesor na nota obtida poden presentar un recurso ou reclamación ante un tribunal ou órgano designado pola universidade para actuar nestes casos. Hai que ter en conta que esta reclamación debe estar motivada como corresponde. Para iso, é importante que os alumnos antes de realizala consulten previamente o plan docente da materia, onde se recollen os criterios e as formas de avaliación. Deste xeito, os estudantes poden comprobar se existe algunha inadecuación entre os contidos do exame e o previsto no plan docente ou se se utilizaron procedementos de avaliación distintos ao establecido.
A reclamación pode ser rexeitada por improcedente ou ser admitida para o seu estudo por un tribunal ou comisión técnica
A reclamación realízase por escrito, facendo constar os motivos que a fundamentan no prazo que estea marcado no regulamento e débese dirixir ao director do departamento ao que corresponda a materia, ao decanato, ou á xunta do centro, segundo determine cada universidade ou facultade. Unha vez recibida, a reclamación pode ser rexeitada por improcedente, ou ser admitida. Neste último caso, xeralmente noméase unha comisión técnica formada por profesorado da área de coñecemento que se estea avaliando, que se encargará de estudar as alegacións presentadas polo alumno, ouvir ás dúas partes implicadas, o estudante e o profesor, e decidir posteriormente o mantemento ou a modificación da cualificación do exame.