A Administración Naval de Letonia comezou a inspeccionar o “Geroi Sevastopolya”, o petroleiro monocasco ruso que transportará 50.000 toneladas de fuel pesado a Singapura seguindo a mesma ruta que o “Prestige” fixo o ano pasado antes de afundirse fronte ás costas galegas.
Pola súa banda, inspectores da Unión Europea (UE) axudarán a partir de hoxe nas tarefas de inspección do buque de 24 anos de antigüidade. O equipo de especialistas seleccionado está formado por un coordinador da Axencia Marítima Europea, tres inspectores procedentes do Reino Unido, Francia e España, e dous inspectores da Sociedade de Clasificación do buque, Det Norske Veritas, segundo informou o Ministerio de Fomento.
A decisión do Goberno de Riga, candidato a ingresar na UE, prodúcese despois de que a Comisión Europea fixese una solicitude expresa neste sentido e pedise á Administración letona que “tomase todas as medidas necesarias paira controlar o barco”.
A ministra de Transportes letona, Sarma Kocane, sinalou que o seu Goberno impedirá que parta o barco se os inspectores descobren que se atopa en malas condicións, “pero se está ben, teremos que permitirlle que se vaia”, precisou.
As novas normas comunitarias, en vigor desde o pasado mes de outubro, impiden aos barcos monocasco da antigüidade do “Geroi Sevastopolya” tocar os portos europeos. Neste sentido, Kocane lembrou que Letonia, que ten previsto ingresar na UE o 1 de maio de 2004, non está legalmente obrigada a aplicar a citada prohibición antes desa data.
O petroleiro, fretado pola compañía californiana Westport Petroleum, pertence ao armador ruso Novoship. Segundo o Executivo comunitario, esta empresa, que explota 24 barcos, dos cales 16 son petroleiros, foi obxecto de só tres medidas de inmovilización temporal dos seus buques en tres anos e de 143 inspeccións, o que considera una “boa marca”.
Paira os comisarios europeos de Transportes, Loyola de Palacio, e Ampliación, Günter Verheugen, o buque “non está en condicións espléndidas, pero si razoables”. Con todo, consideran que “en termos de seguridade marítima hai que parar de ver cousas razoables e facer un pouco de prevención e tentar protexer os portos europeos”.
O “Geroi Sevastopolya” tiña previsto partir hoxe desde o porto letón de Ventspils rumbo a Singapura, e en principio pasaría por Dinamarca, Reino Unido, Alemaña, Francia, España, Portugal e o Mediterráneo.