En España morren cada ano unhas 16.000 persoas por mor da “mala calidade do aire nas cidades”, segundo asegurou onte a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, quen participou na firma dun convenio de colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cuxo propósito é o de preservar o patrimonio natural, os hábitats de interese ou a paisaxe.
A cifra de 16.000 mortes supera a dos falecidos “en accidentes de tráfico ou laborais”, lembrou a ministra. Narbona indicou, con relación á contaminación atmosférica, que está en estudo a Lei de Calidade do Aire, para “aplicar as esixencias a escala europea que obrigan a unha avaliación da contaminación de forma sistemática”. Esta avaliación, así como a toma de medidas, corresponde ás comunidades autónomas, explicou.
O tres niveles da Administración -nacional, autonómica e local- “poden e deben tomar medidas no transporte”, sinalou Narbona, que citou varias iniciativas como a utilización de combustibles menos contaminantes, o fomento do transporte público ou a peonalización de rúas. Así mesmo, hai que abordar unha “estratexia de calidade do aire coas comunidades autónomas”, agregou a ministra.
As causas de morte relacionadas coa contaminación están “ligadas sobre todo con enfermidades respiratorias, como alerxias”, destacou a titular de Medio Ambiente. Todo iso provoca “un agravamento e aceleración dos procesos da enfermidade”, concluíu Narbona.